Cambados Histórica regresa a Fefiñáns co seu tradicional mercado

O evento, organizado pola Concellería de Festas, desenvolverase os días 24, 25 e 26 de maio

 

Praza de Fefiñáns en Cambados. DS
photo_camera Praza de Fefiñáns en Cambados. DS

Cambados volverá recrear o momento de auxe do mercado de Fefiñáns e a importancia que tivo para a vila e a comarca coa celebración da terceira edición de Cambados Histórica. A Praza de Fefiñáns encherase durante a fin de semana do 24 ao 26 de maio de mercaderes e artesáns que reproducirán un dos mercados máis importantes do Salnés e da ría de Arousa durante os séculos XVI e XVII, xa na Idade Moderna. 

Postos de comida, música e animación e espectáculos de circo e lume completarán o evento organizado pola Concellería de Festas, no que a ambientación estenderase ata o centro de Cambados e San Tomé.

O mercado inaugurarase o venres 24 de maio, ás 19.00 horas, con Suru o elefante guerreiro e o seu séquito de músicos. Logo, ás 19.30 ruxirán os tambores para dar paso a Demonium e os zancudos da noite, que chegarán ás 20.00 horas. Seguirá a festa con música folk, ás 21.00 horas, antes do espectáculo de lume O Feitizo. O mercado pechará ás 22.30 horas.

O sábado 25 de maio o mercado abrirá de novo ás 11.00 horas cunha completa axenda de actividades por diante:Os Bufóns da Corte Real, ruada musical, Gaia natureza e A boa música. Trala parada para o Xantar, o programa continuará coa chegada dos comerciantes á vila dende as 18.00 horas, Ruxen os tamboresSuru o elefante guerreiro e o seu séquito, A boa música e A noite en chamas, espectáculo de lume.

O domingo 26 de maio, trala apertura do mercado ás 11.00 horas haberá faunos zancudos, música folk, Os Perfumeiros, Soan os tambores e, tras a pausa para o xantar, de novo música, Os viaxeiros doutros mundos, Suru o elefante guerreiro e o seu séquito e clausura ás 21.30 horas. Todos os días, en horario do mercado, Recuncho Infantil con xogos e atraccións ecolóxicas.

Ademais, a partir do 15 de maio haberá traxes históricos para ser alugados por quen o desexe no local de Zona Centro situado na rúa Nova de Cambados.

Dende a concellaría de Festas anímase a cambadeses e cambadesas a revivir durante esa fin de semana unha época histórica para Cambados. "Queremos consolidar esta celebración que encaixa moi ben coa historia da nosa vila. Cambados ten potencial para ter unha feira histórica de relevancia e ser un referente tamén neste ámbito festivo", manifestou Tino Cordal.