O programa '+Bosques' da Deputación chega esta fin de semana á Illa

Os participantes recorrerán, en tres horas, os piñeirais e as dunas do Parque Natural
Parque Natural de Carreirón. DP
photo_camera Parque Natural de Carreirón. DP

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta fin de semana novos percorridos do programa provincial +Bosques. Trátase dunha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques” a través de preto de 40 percorridos entre este mes e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), así como polo Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), a Illa de Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra). Os itinerarios de xuño e xullo teñen xa todas as prazas cubertas e para os de agosto, que terán lugar todas as fin de semana do mes, o prazo de inscrición abre o 15 de xullo.

Así, o sábado 29 de xuño +Bosques chega ao Parque Natural de Carreirón, na Illa de Arousa, cun percorrido de tres horas de duración que servirá para coñecer este espazo privilexiado e as características especiais do lugar, como os piñeirais e as dunas. Tamén se explicará a fauna e flora dos espazos intermareais e costeiros e, a continuación,  introducirase aos asistentes no shinrin yoku ou baño de bosque e como, cando e onde obter os estímulos sensoriais nestes espazos.