Pampullos e cantigas para celebrar os maios no Salnés

Medio cento de composicións florais déronse cita este 1 de maio en Vilagarcía na praza da Peixería, mentres que, en Sanxenxo, o maio da Florida alzouse co galardón do certame convocado pola Cultural
Festa dos Maios de Sanxenxo. DS
photo_camera Festa dos Maios de Sanxenxo. DS

Malia a choiva, Vilagarcía e Sanxenxo viviron este 1 de maio a súa Festa dos Maios a cuberto, pero por todo o alto, contando tamén con algunha tregua das inclemencias meteorolóxicas. Por unha banda, a cita vilagarciá contou con medio cento de composicións florais ao acubillo da praza da Peixería, a onde se trasladou o evento por mor da choiva, xa que inicialmente estaba previsto que se celebrara no parque de Miguel Hernández.

Festa dos Maios de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Festa dos Maios de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Foron un total de 37 creacións as que participaron no concurso, que contou con maios cónicos e artísticos, caixas, cruces e barcos, correspondentes a 22 autores, entre eles varias asociacións de nais e pais, centros educativos e participacións individuais, xunto á residencia da terceira idade Divina Pastora. Todos os participantes obtiveron entre 30 e 150 euros no concurso, en función do número de integrantes do grupo, e tendo tamén en conta a inclusión de coplas orixinais, de ser o caso.

Festa dos Maios de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Festa dos Maios de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os traballos exhibíronse dende as 11.30 horas ata as 20.30 da tarde, e recibiron numerosas visitas por parte do público.

Festa dos Maios de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Festa dos Maios de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

En Sanxenxo, o Círculo Cultural Deportivo mantivo viva un ano máis a tradición, en estreita colaboración co Concello, na que o maio da Florida obtivo o primeiro premio dun certame que estivo marcado pola crítica social e política, como é costume.

Festa dos Maios de Sanxenxo. DS
Festa dos Maios de Sanxenxo. DS

Os primeiro maio en subirse ao escenario foi o da Asociación Cultural Mar de Fondo de Portonovo, estreando unha agrupación senior que participaba no evento por primeira vez, nunha cita tradicionalmente reservada á cativada, e que marcou o fito desta edición, e coa que obtiveron o segundo premio do concurso.

Coa deliberación do xurado, que estivo formado polas edís de Cultura e Educación do Concello, Elena Torres e Natividad Parada, e dous membros da Xunta Directiva da Cultural, encabezados polo seu presidente, Paco Hernández, representantes dos diferentes maios volveron desfilar polo recinto festivo ás 18.00 horas para recoller os galardóns, cos que a Asociación Mar de Fondo de Portonovo resultou dobremente premiada, cun terceiro galardón para o grupo de cativos e cativas.