A Deputación aproba o plan de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos en Meis

O presidente provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos”
Luis López, presidente de la Deputación. DS
photo_camera Luis López, presidente de la Deputación. DS

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o plan bianual (24/25) do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que botará a andar en 15 concellos da provincia cun investimento de máis de 455.000 euros. O presidente da institución provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos”, entre os que se encontra o concello de Meis.

A través do plan prográmanse, organízanse e estrutúranse inspeccións, inicialmente, de carácter didáctico, centradas naquelas actividades e persoas produtoras de residuos así como nos responsables da súa recollida e xestión. “Insisto –asegurou López- serán inspeccións de carácter didáctico aínda que, se se observan incumprimentos graves da normativa levantaremos acta para que o concello correspondente impoña a sanción, se o considera, de acordo coa lei de residuos”.

O servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que pon en marcha a Deputación de Pontevedra arranca para axudar aos concellos no cumprimento da nova lexislación, que supón un cambio na tradicional visión que se tiña do tratamento dos residuos e maiores esixencias para os concellos. “Somos moi conscientes –afirmou o presidente provincial-  da carga de traballo que estas obrigas traen para os concellos e tamén da escaseza de medios que teñen, por iso poñemos en marcha este corpo de vixilancia, inspección e control co obxectivo de mellorar as cifras de separación de residuos dos concellos”.