A música e o cine protagonizan o Verán Cultural de O Grove

Durante os meses de xullo e agosto, o municipio meco ofrecerá unha ampla oferta de actividades para todos os públicos
Programación cultural O Grove. DS
photo_camera Cartel informativo de la programación cultural de verano en O Grove. DS

O Concello do Grove organizou un intenso programa cultural para os meses de verán con diversos espectáculos co fin de buscar o desfrute e participación do público de todas as idades. Esta programación conta co patrocinio do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia e +Música da Deputación de Pontevedra.

Cinema de verán

O cinema de verán volve ao enclave da Rúa de Santo Antonio. Este ciclo arrancará o día 2 de xullo coa película A todo tren 2, recomendada para público familiar e infantil. Así mesmo, tamén se ofrecerán as proxeccións dos filmes Hasta el cielo, SICA e La Ciudad perdida.

Xoves musicais

Os xoves musicais terán lugar na Praza do Corgo coa participación de grupos de diferentes estilos e para diversos públicos. O ciclo dará comezo o xoves 4 de xullo coa actuación de Arroba de Viño. O xoves 1 de agosto Pepe Piña & Os Robinsons achegarán ata a Praza do Corgo as mellores versións dos grandes  dos anos 70 e 80. 

O xoves 8 de agosto, o cuarteto de arpa e voces Lulavai interpretará sobre o escenario do Corgo temas con orixe na música tradicional galega, e outros de carácter máis persoal, con inspiración noutras músicas do mundo, e noutros estilo musicais con delicados arranxos para o instrumento principal que é a arpa e as voces, empregando tamén outros instrumentos de percusión que aportan a variedade tímbrica e o son orixinal de Lulavai.

A agrupación meca Comando Desorden pechará este ciclo o xoves 22 de agosto.

Actividades infantís

Para o público infantil organizouse o programa Biblioactividades que se desenvolverá os martes. Este programa arrancará o martes 9 de xullo co espectáculo de monicreques O galo Quirico e amigos a cargo de Marionetas Seisdedos na biblioteca Municipal do Grove. Seguiranlle Conto contigo a cargo de Expresión Produccións, Chungo que te kagas de Peter Punk e Travesía Unicornio de Teatro dos Ghazafelhos. 

O martes 23 de xullo, ás 20.30 horas, ofrecerase na Rúa Alcalde Xacobe Barral Otero o espectáculo de narración oral A viaxe feliz de Ramón Sanfiz a cargo de Fantoches Baj. 
Ademais, o mércores 28 de agosto, ás 20.00 horas, terá lugar na Praza do Corgo o espectáculo do Centro Dramático Galego De Vilalegre a Vilatriste, dirixido a público infantil e familiar. 

Día da Patria Galega

O 25 de xullo, Día de Galicia, celebrarase co actuación da Orquestra de Cámara Galega. A excelencia interpretativa da OCGa permítelle abarcar un amplo repertorio, dende o barroco ata os nosos días, asumindo o compromiso de dar a coñecer a música de compositores galegos, cunha especial mención á obra do compositor Rogelio Groba Groba.

O concerto, subvencionado polo programa + Música da Deputación de Pontevedra, comezará ás 21.00 horas no Auditorio do Grove. Para asistir será necesario recoller convites na Biblioteca Municipal do Grove e na oficina de Turismo.

Moreiras Cultural

Dentro da programación cultural de verán, este ano adquirirá un especial protagonismo o espazo natural e etnográfico de Punta Moreiras. A Salgadeira Vella acollerá diversas actividades e concertos de diferentes estilos musicais.

O venres 19 de xullo, a partir das 21.00 horas, ofrecerase a actuación de David Chiquillo e Lote. O venres 2 de agosto poderase disfrutar co concerto de Clara Pino, arpa celta e voz, e Pablo Vidal, contrabaixo, piano e voz.

Así mesmo, tamén se organizou unha Semana cultural en Moreiras durante o mes de agosto na Salgadeira Vella. Dará comezo o martes 13 de agosto co espectáculo de narración oral Romaría a cargo de Raquel Queizas e dirixido a todos os públicos; o mércores 14 de agosto proxectarase a película de animación Pinocho de Guillermo del Totto, o xoves 15 de agosto será a quenda da música tradicional galega a cargo do grupo local Cinco en Zocas. Xa, para rematar, o sábado 17 de agosto a agrupación Mekpoetic, coa colaboración do Concello do Grove, organizou unha festa poético musical Versos nas Salgadeiras.

Asociacións Culturais

O programa tamén inclúe actividades de asociacións culturais coas que colabora o Concello. O mércores 24 de xullo na Praza do Corgo a agrupación musical Os Firrás ofrecerá unha nova edición de Noite de Serenatas coas actuacións de Trobeiros da Ponte e Os Firrás

O sábado 24 de agosto, no Auditorio do Grove, a coral polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño ofrecerá o seu tradicional Concerto de Verán.