O Grove presenta unha variada programación para conmemorar o Día das Letras Galegas

Co galego como eixe central, haberá actividades para todos os públicos durante todo o mes de maio
Concello de O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Grove conmemora o Día das Letras Galegas cunha variada programación de actividades que se desenvolverán ao longo do mes de maio e que inclúe, monicreques, contacontos, escape-room, feira do libro, concertos e actuacións de danza, entre outras propostas. O obxectivo é ofrecer á cidadanía un amplo abano de posibilidades coas que festexar e conmemorar as Letras Galegas e, de paso, fomentar o hábito da lectura en galego con actividades e propostas para todas as idades. 

Actividades para público infantil

Para os máis pequenos da casa a programación das Letras Galegas inclúe monicreques, contacontos e actividades.

O martes 7 de maio ofrecerase na Biblioteca do Grove o espectáculo de monicreques A teteira de Kabul a cargo de Xarope Tulú para o alumnado de Educación Primaria. Esta proposta de Xarope Tulú, en coprodución coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, fala das vivencias das persoas que se ven na obriga de abandonar o seu fogar a través da súa protagonista, un personaxe inspirado na vida da escritora afgá Nadia Ghulam. A poética dos monicreques permite viaxar a outros lugares e contar a historia desde unha perspectiva construtiva e alentadora.

O 16 de maio, a partir das 17.30 horas, dentro do Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, ofrecerase na Biblioteca Municipal o contacontos O caracol namorado a cargo de TrinkeTrinke Teatro. O contacontos está dirixido a público infantil a partir de 4 anos e, para asistir, é necesaria inscrición previa.

O mércores 22 de maio o alumnado de educación primaria poderá asistir, na Axencia de Lectura de San Vicente, ao Contacontos ilustrado e musicado Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta a cargo de Polo Correo do Vento e dentro do Programa Ler Conta Moito.

O xoves 31 de maio ofrecerase na Biblioteca Municipal do Grove o Escape-Room Plan de Rescate a cargo de Antía Yañez. A actividade, do programa Ler conta Moito, está dirixida ao público de 8 a 12 e anos e, para participar, é necesaria inscrición previa.

Sobes ao autobús do teatro?

O 10 de maio, grazas ao programa de mobilidade organizado polo Centro Dramático Galego, o público do Grove poderá asistir á representación da obra Os actos e as profecías no Salón Teatro de Santiago de Compostela. 

O autobús sairá ás 15.30 horas e, para participar, era necesario inscribirse na Biblioteca Municipal do Grove, pero xa non quedan prazas libres.

Cita a cegas coa nosa lingua

Dende o 13 de maio, A Rede de Bibliotecas do Grove convidará á veciñanza a ter unha Cita a cegas coa nosa lingua a través dos clásicos da nosa literatura e das novas xeracións de escritores.

Esta actividade trata de sorprender e animar a todos e todas a achegarse a Biblioteca e incentivar a lectura en galego de xéneros e autores que, en principio, non serían obxecto por parte das usuarias e usuarios, co fin último de fomentar os hábitos lectores. Ao final trátase de que o libro atope o seu lector e que o lector atope o seu libro e xuntos fagan unha viaxe marabillosa mais aló da portada.

17 de Maio, Día das Letras Galegas

As actividades da mañá do venres 17 de maio desenvolveranse na Rúa Alcalde Xacobe Barral Otero dende as 11.00 horas coa apertura da Feira do Libro Galego, a cargo de Espazo Lector Nobel O Grove.

Ás 12.00 horas, Raquel Queizás achegará ao público asistente o espectáculo de narración oral As Chaves de Lu que versará sobre a autora homenaxeada nas Letras Galegas. A velada estará amenizada con música de pasarrúas a cargo de Paradanda-Mecos.

Concerto Viva Galicia! A música na época de La Casa de la Troya

O sábado 25 de maio, ás 20.00 horas,  terá lugar no Auditorio do Grove o Concerto Viva Galicia! A música na época de La Casa de la Troya a cargo de Troyanos de Compostela e coa financiación do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.

Este proxecto, vinculado ao Museo Casa de la Troya, xurdiú co obxectivo de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaba a Tuna en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. 

Este concerto tan só se celebrou na Coruña e en Santiago de Compostela e chega en maio ao Auditorio do Grove para que o público asistente poida gozar con temas tan emblemáticos como La Alfonsina, Muiñeira de Ponte Sampaio, Fonseca, Os teus ollos, Lela, Foliada do rueiro, entre moitos outros. 

Colaboración coas entidades culturais

Así mesmo, o Concello do Grove colabora coas entidades culturais da vila na oferta de actividades para este mes das Letras.

O Clube M. D. e C. Breogán ofrecerá varias actividades: do 3 ao 31 de maio, na Casa Cultura Manuel Lueiro Rey, a Exposición de Bonecas. Traxe Galego. Inauguración o venres 3 de maio ás 20.00 horas.

O sábado 18 de maio, ás 19.00 horas no Almacen Vello de Moreiras, ralizarase a Charla–Concerto Os instrumentos musicais na tradición galega a cargo de Pablo Carpintero Airas.  

O domingo 19 de maio, dende ás 16.30 horas, na Capela de San Antón, celebrarase o II Encontro de Musica Tradicional.  

A Asociación cultural Enxebre representará a súa obra de teatro os días 11 e 12 de maio no Auditorio do Grove.

A Asociación cultural Cantodorxo celebrará a XII Festa das Letras Galegas o venres  17, a partir das 18.00 horas, na Praza do Corgo.

A Coral Polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove celebrará no Auditorio do Grove o seu tradicional Concerto das Letras Galegas o domingo 19 de maio a partir das 20.00 horas.