Sergio Prol presidente de 'Amigos da Moto de Sanxenxo'

"Cando fixemos o primeiro anuncio a reacción da xente foi unha loucura, deunos impulso"

▶ O motoclub de Sanxenxo recupera entre os días 6 e 8 de setembro a súa famosa Concentración Moteira, que se celebrará en Baltar tras cinco anos de parón. Cunha previsión de asistencia dunhas 15.000 persoas e unha organización a contrarreloxo, os integrantes do colectivo que a impulsa traballan máis intensamente ca nunca para sacar adiante esta XXXVI edición, que marcará unha nova era 
Sergio Prol na contorna da Lanzada. DS
photo_camera Sergio Prol na contorna da Lanzada. DS

A Sergio Prol (Sanxenxo, 1978), a presidencia do motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo chegoulle hai uns oito anos, e supúxolle herdar o legado daqueles amigos que, en 1986 xuntáranse para sacar adiante a primeira Concentración Moteira. Varias décadas despois, cuns 50 socios e socias e un equipo de oito centrado no evento deste ano, o colectivo volve á escea dende a última Concentración celebrada no ano 2019, e cunha clara vocación de continuidade.

Como mudou aquela asociación primixenia ata hoxe en día?
Todo comezou con dous amigos que ían a concentracións e agora mesmo aínda temos socios fundadores que están en activo con nós. Todo evolucionou cos tempos. Na súa época aquilo era o 'no va más', e nós agora intentamos manter o nivel, sempre dándolle calidade e mellorando os servizos e a nosa oferta.

A Concentración medrou moito...
Si, a verdade é que se nos foi un pouco das mans (risas). Si que hai momentos nos que estamos moi desbordados, pero é que antes non se facía a festa que se fai agora, nin había música en directo, nin os espectáculos que temos.

Como se traballa na asociación para organizar un evento de tal magnitude e con que prazos?
Fixemos un equipo de traballo e, de feito, este ano somos máis que nas edicións anteriores, unhas oito persoas. Para facer isto renovamos xente, tamén co obxectivo de que vaian collendo cargos. De feito, temos moito relevo xeracional, hai moita xente nova que quere entrar. Normalmente adoitabamos comezar a organizar en decembro. A finais de ano, despois de rematar en setembro, sempre nos sae o 'formiguillo' das invernales e imos pouco a pouco cadrando ideas. Sen embargo, este ano, como aínda non estaba pechado que se pudiera celebrar, comezamos hai un mes. Imos apurados, todos temos responsabilidades e está sendo un 'spring'.

Para as datas da Concentración hai hoteis que están cheos. Está enfocada aos moteiros, pero tamén veñen familias"

Que é o primeiro no que hai que pensar unha vez que se comeza de cheo?
Na burocracia. O papeleo, orzamentos, permisos, as institucións e poñer todo ao día é o primeiro.

Como organización, cal é a mellor parte?
Cando remata o evento e todo saiu ben. Aí comezamos a respirar. De feito, se queres desfrutar, tes que ir a outras concentracións. Na túa por suposto que estás contento, pero eses días estás pendente de todo. A seguridade é algo moi importante para nós.

As expectativas son altas. Recibiron boas vibracións por parte do público cando anunciaron a volta?
Os anos anteriores andabamos en torno aos 15.000. Agora temos unha pouca incerteza, porque era o quinto ano que estabamos parados. Pero cando comezamos a facer nas redes o primeiro anuncio con aquel pequeno cartel que dicía: "¿Qué tienes pensado hacer el 6,7 y 8 de septiembre?", a reacción da xente foi unha loucura. Deunos impulso para darnos conta de que hai xente á que lle interesa, porque se puxo como louca. De feito, comentáronnos que para eses días xa hai hoteis que están cheos. Está claro que a concentración está enfocada aos moteiros, pero tamén veñen moitas familias. É un evento no que, aínda que non poidas ir na moto porque tes que levar aos rapaces e teñas que coller o coche, desfrutas igual del. Vas visitar aos amigos e a pasalo ben.

Despois de tantos anos de parón, que supón volver agora?
Houbo complicacións, pero para nós isto é unha ledicia. Persoalmente, eu tiña moitas ganas de retomalo e fastidiábame moito que isto parara aquí. Intentaba empurrar pero non había xeito de arrincar. E cando conseguimos arranxar o tema dos orzamentos puidemos xuntar xente que quería impulsar a Concentración, e entre todos fixémolo. Non foi necesario tampouco andar a rogarlle a ninguén. Puxémonos a iso e en pouco tempo encamiñámolo todo, démoslle un bo empurrón.

Haberá novidades?
Temos en previsión sacar o cartel en arredor dun mes. Haberá cousiñas, algún cambio a todos os niveis. Polo demais, teremos música, mercado moteiro, espectáculo de motor e intentaremos facer unha boa festa.