O Obradoiro de Hostalería e a AECC alíanse polos bos hábitos alimenticios

Organizanse sesións de cociña ofrecendo almorzos e aperitivos saudables, cuxos recursos destinaranse á loita contra o cancro
Foto de familia entre representantes do Obradoiro de Hostalería e A Asociación Española contra o Cancro (AECC). DS
photo_camera Foto de familia entre representantes do Obradoiro de Hostalería e A Asociación Española contra o Cancro (AECC). DS

Na mañá deste martes asinouse un importante convenio de colaboración entre o Obradoiro de Hostalería do Salnés, pertencente á Mancomunidade do Salnés, e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Sanxenxo nas instalacións da escola de hostalería.

Á firma do convenio asistiron os presidentes de ambas as entidades: David Castro e Blanca Ana García,  así como voluntarios da asociación.

Este acordo reforza o compromiso mutuo na promoción dos bos hábitos alimenticios, un dos factores clave na prevención do cancro, aliñándose así cun dos principais obxectivos da AECC.

Entre as numerosas actividades que realiza a escola de hostalería destaca a iniciativa Mañás de Terraceo, unhas xornadas de portas abertas que se celebraron con gran éxito na edición anterior. Durante estas xornadas, ofrecéronse ao público almorzos e aperitivos como prácticas para o alumnado, aproveitando os módulos formativos de bebidas, repostería e cociña rexional e internacional. Este ano, a actividade destinarase a apoiar á AECC, ofrecendo almorzos e aperitivos saudables. Entre as elaboracións realizadas destacaron smoothies variados, madalenas de cenoura, tostas de salmón con mango e amorodo como proposta de almorzo e Bloody Mary e Mojito sen alcohol con ensalada mutlticolor e ovos Benedictine como aperitivos.

Música en directo para ambientar as sesións de cociña

Estas xornadas, abertas ao público,  levaránse a cabo durante os meses de xullo e agosto. Así, en xullo ofreceránse almorzos saudables os días 17 e 31 en horario de 10.30 a 12.00 horas e o mes de agosto se destinará a aperitivos saudables os días 7 e 21 en horario de 12.00 a 13.30 horas. Ademais, as mañás estarán amenizadas con música en directo, creando un ambiente agradable e acolledor para todos os asistentes. Durante as xornadas realizaráse unha colleita de donativos, e todo o recadado destinarase a proxectos de investigación contra o cancro.

Outra das iniciativas que se desenvolverán no Obradoiro de Hostalería será a realización de talleres de comida saudable, dirixidos tanto aos usuarios como aos voluntarios que colaboran coa AECC. Estes talleres, os cales se realizarán previsiblemente a partir do mes de setembro, teñen como obxectivo educar e capacitar aos participantes na preparación de comidas nutritivas que favorezan unha alimentación equilibrada e saudable.