O PSOE de Sanxenxo denuncia a falta de mantemento en varios xardíns municipais

O secretario xeral da formación, Fernando Otero, lembrou que na memoria desta parte do proxecto no porto deportivo "facíase constar que se escollían especies arbóreas cunha alta resistencia aos ventos e á salinidade"
Estado da vexetación en Batea en Terra. DS
photo_camera Estado da vexetación en Batea en Terra. DS

O PSdeG-PSOE de Sanxenxo lamentou o estado no que se atopa a vexetación que compón o proxecto Batea en Terra, que está "totalmente seca e sen vida", lembrando que a actuación "custou máis dun millón de euros", e denunciou tamén a "falta de mantemento" na Praza do Pazo.

O secretario xeral da formación, Fernando Otero, lembrou que na memoria desta parte do proxecto no porto deportivo "facíase constar que se escollían especies arbóreas cunha alta resistencia aos ventos e á salinidade e con baixo consumo en auga. Pois nin así foron quen de mantelas con vida", sentenciou.

O xardín da Praza do Pazo. DS
O xardín da Praza do Pazo. DS

Outro exemplo da "falta absoluta de mantemento despois de investimentos millonarios", manifestaron, é a Praza do Pazo, inaugurada "hai escasos dous meses e na que o investimento rondou os 700.000 euros. As famosas plataformas horizontais de zonas verdes están aí para ver: cheas de herba sen control e con cero mantemento", explicou Otero.