A humanización de Aquilino Iglesia alterará o tráfico na zona do parque dos Duráns

Para que os vehículos poidan entrar e saír dos garaxes e vaos en Eduardo Pondal, establecerase, de forma temporal, o dobre sentido de circulación na rúa
Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS
photo_camera Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS

As obras de humanización da rúa Aquilino Iglesia chegan este luns, 6 de maio, á intersección con Eduardo Pondal, razón pola cal esta rúa quedará cortada durante toda a semana. De igual xeito, os traballos a realizar neste punto impedirán o acceso do tráfico rodado a Otero Pedrayo e ao tramo final da propia Aquilino Iglesia. Para solventar a situación, a Policía Local adoptará unha serie de medidas provisionais que garantirán a mobilidade na zona  na que se empraza o parque e a zona infantil dos Duráns.

Para que os vehículos poidan entrar e saír dos garaxes e vaos en Eduardo Pondal, establecerase, de forma temporal, o dobre sentido de circulación na rúa. Dada a estreiteza da vía, será necesario eliminar unha liña de estacionamento. Esta mesma solución -dobre sentido da circulación e eliminación dunha liña de estacionamento- adoptarase en Otero Pedrayo –onde se empraza a sede de Correos- de xeito que os vehículos poidan acceder a esta rúa e ao tramo final de Aquilino Iglesia, onde existen máis vivendas e garaxes e se sitúa o estacionamento público disuasorio.

A Policía Local e a adxudicataria das obras de humanización comezarán esta fin de semana a sinalizar as zonas afectadas e a informar aos residentes sobre os cambios que se porán en marcha o luns e que se prolongarán ata que remate a pavimentación da plataforma viaria na intersección entre Aquilino Iglesia e Eduardo Pondal.