A Deputación organiza 10 saídas ao abeiro do Plan '+Convivencia' por varios lugares do Salnés

Integrantes de Lar Pro Salud Mental, quienes visitarán el Pazo de Lourizán dentro del programa +Conviencia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Usuarios de Lar Pro Salud Mental de Vilagarcía visitarán este venres el Pazo de Lourizán

Máis de 600 persoas de 10 entidades sociais dos concellos da Estrada, Cangas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa participarán esta fin de semana en saídas do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa provincial chegará a lugares como as illas de Ons, Cíes ou Arousa, Pontevedra, o río Miño, O Grove ou Sanxenxo.

As saídas comezarán este venres, 20 de setembro, cando 55 usuarios da Asociación Lar Pro Salud Mental, de Vilagarcía de Arousa, visitarán o Pazo de Lourizán e o seu xardín botánico, en Pontevedra. Xa o sábado 21 de setembro serán 50 os usuarios da Asociación de Veciñas e Veciños da Parroquia de Orazo, da Estrada, que farán unha ruta pola Illa de Arousa; 51 da ANPA A Rúa, de Cangas, un roteiro pola desembocadura do río Miño, e 65 persoas da Asociación Niños con Hiperactividad y Déficit de Atención (ANHIDA), de Vigo, visitarán as Illas Cíes. 

O domingo 22 de setembro 54 persoas da Asociación Diagnosticados de Cancro de Mama (ADICAM), de Cangas, e outras tantas da Asociación Cultural Irmáns Barcia, de Ponteareas, farán unha excursión á Illa de Ons, e 39 de ALCER Pontevedra, de Pontevedra, percorrerán O Grove, A Toxa e Portonovo.

O luns 23 de setembro serán 100 as persoas da ANPA do CEIP de Cedeira, de Redondela, as que visitarán a Granxa Apípolis, e 81 de ACCEM, de Vigo, as que descubrirán as Illas Cíes. Por último, o martes 24 de setembro 54 persoas da ANPA Tintureira do CEIP A Paz farán un percorrido pola ría de Vigo e a Illa de San Simón.