O Villalonga quere máis
O Villalonga CF comeza o ano na tarde deste domingo, no campo de San Pedro, perante o Moaña (16:30 horas). O equipo adestrado por Luciano González Groba quere ampliar a súa serie como invicto para afianzar a súa destacada posición no liderado. Despois de doce partidos sen perder, os celestes intentarán ampliar a cinco a súa serie de vitorias concatenadas ante un Moaña que despediu o ano con derrota contra o Choco.
O Portonovo, principal rival ata agora dos de Vilalonga, visita tamén ás 16:30 o penúltimo clasificado, o Velle. A derrota en Allariz freou a xeira magnífica dos de David Eirín, que seguen a ser segundos mercede ao claro triunfo contra o Barco da última xornada de 2023 e pretenden conservar ese posto en chan ourensán.
Derbi do Salnés. Á mañá, na Senra (12:00 horas) celebrarase un interesante derbi comarcal do Salnés entre o Ribadumia e o Céltiga. Os dous equipos manteñen intactas tódalas súas elevadas aspiracións.
Os illeiros son cuartos, chegan á cita tras dúas xornadas sen gañar (cunha igualada na casa contra o sempre complicado Valadares e unha derrota contra o Villalonga no Salvador Otero). O ascenso directo está a catro puntos dos de Luis Carro e algo máis lonxe dos anfitrións, que acabaron o ano caendo en casa do Atlético Arnoia.
Despois de bater o Allariz no seu feudo, o Cambados desprázase ao Barco (17:00 horas) para afianzar o seu posto na cómoda terra de ninguén. O cadro ourensán é unha das sorpresas negativas deste curso, en zona de risco de descenso.