A agrupación Troyanos de Compostela achega a súa música á veciñanza do Grove

Troyanos de Compostela. DS
Este sábado interpretará no municipio meco pezas do seu disco Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya, como as populares Fonseca, La Alfonsina, Muiñeira de Ponte Sampaio, Os teus ollos ou Lela, entre outras

Troyanos de Compostela é a agrupación de pulso e púa, gaita e percusión do Museo Casa de la Troya, un museo romántico que amosa a vida dos estudantes universitarios de finais do século XIX e principios do XX. Este sábado, 25 de maio, ofrece un concerto no Grove. A cita será no Auditorio municipal da localidade, a partir das 20.00 horas. O evento conta co financiamento do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

As entradas poden adquirirse a un prezo de 5 euros no Auditorio o propio día do concerto, entre as 18.00 e as 19.50 horas.

O director do Museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, Benigno Amor, amosa a súa satisfacción por seguir cumprindo, a través de Troyanos de Compostela, os obxectivos cos que se constituíu a asociación. “O noso concerto será unha pequena viaxe a Santiago de Compostela no tempo e no espazo, co fío argumental da novela de Pérez Lugín. Deste xeito, achegaremos a quenes nos escoiten o espírito do Museo a través da divulgación de pezas de composistores galegos de finais do XIX e comezos do XX” -indica-.

No Auditorio municipal do Grove ofrecerán un programa de hora e media, que inclúe pezas do seu disco Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya, estruturado en cinco partes: Santiago, En Portugal, Viva Galicia!, A Romaría, Fonseca e Aires de voda. Ao igual que no concerto que celebraron no Teatro Colón da Coruña e no Teatro Principal de Santiago o pasado ano, fará de narrador o actor e guía Suso Martínez, interpretando o personaxe de Casimiro Barcala, como vén facendo desde 2017 nos Roteiros Troyanos que organiza cada ano o Museo pola cidade histórica compostelá.