Abel Losada supervisa o avance da fibra óptica en Sanxenxo

Visita de Abel Losada aos traballos de ampliación da fibra óptica en Dorrón. DS
Un total de 3.364 unidades inmobiliarias máis quedarán conectadas ao longo deste ano no eixe que pasa por Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade

O avance da fibra óptica na provincia de Pontevedra continúa da man do plan ÚNICO-Banda Ancha do Goberno de España. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, estivo supervisando os traballos de despregamento na parroquia de Dorrón, en Sanxenxo, acompañado do tenente de alcalde Marcos Guisasola e da concelleira María Deza e agradeceu a colaboración dos 61 concellos da provincia e da Deputación no avance da conectividade.

Desta volta visitou as obras que está a executar a empresa Avatel, concesionaria da convocatoria da subvención estatal do Plan ÜNICO 2022-2023. Ao acto asistiu tamén o delegado da empresa Juan Manuel González, quen explicou que ao longo dos próximos meses garantirá a conexión con fibra ata o fogar FTTH cun mínimo de 300 Megas dun total de 3.364 unidades inmobiliarias (vivendas ou empresas). A empresa está a traballar agora mesmo nun eixe que percorre Sanxenxo, Poio, Pontevedra (Lérez), Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.

No Concello de Sanxenxo, en concreto, quedarán conectadas cara finais de xuño un total de 700 unidades inmobiliarias e ao longo do ano un total de 1.064. Os cálculos indican que outras 900 vivendas e/ou empresa de Poio beneficiaranse da conectividade e o resto pola zona da parroquia de Lérez en dirección a Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade a partir da Piolla.

Losada destacou que a Subdelegación do Goberno está a realizar un labor de coordinación entre as tres empresas que recibiron subvencións estatais para o despregamento do plan na provincia (Telefónica, Avatel e Rede Aberta) e que deben ter rematado o despregamento antes de decembro de 2025. O Goberno, ademais, recordou o subdelegado, “garante a conectividade a través de enlace satélite co Hispasat ás vivendas ás que sexa imposible chegar co tendido da fibra óptica”.