Fontoira e Neira inauguraron os tres días de 'Sanxenxo na historia' en Nauta

Xornada de Sanxenxo na Historia. DS
Na última xornada do 30 de agosto entregarase o premio Sanxenxo na Historia a AsociAción Fotográfica Ollares de Portonovo

A XV edición de Sanxenxo na historia comezou o pasado mércores 28 de agosto na Sala Nauta, no porto Juan Carlos I, nunha xornada que abriron o arquitecto Rafael Fontoira e o investigador da Universidade de Santiago de Compostela Henrique M. Neira.

A actividade, organizada por Aelos en colaboración co Concello de Sanxenxo, tivo que trasladarse este ano debido ás obras no Auditorio Emilia Pardo Bazán, onde adoitaban celebrarse. Nesta primeira xornada, Neira abordou a historia dos priorados de Sanxenxo, froito dun traballo previo sobre autoridades monacales, mosteiros e conventos, mentres que Fontoira disertou sobre O modernismo na bisbarra de Sanxenxo. A charla-coloquio posterior estivo moderada pola directiva de Aelos, Carmen Outón, e contou cun gran nivel de participación do público, entre o que estivo a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, acompañada da edil de Educación, Nati Parada, xunto ao presidente de Aelos, Marcelino Agís e membros do colectivo.

Xornada da Sanxenxo na Historia. DS

Na xornada do 29 de agosto abordarase a temática Viaxeiros e aventureiros pola mar océano, cos relatorios  Cristóbal Colón e Sanxenxo,  a cargo de Eduardo Esteban Meruéndano e O Camiño de Santiago desde a Antártida, con José Ricardo Gato.

O peche das xornadas, que terá lugar o 30 de agosto coa mesa sobre patrimonio fotográfico Historia da Fotografía de Sanxenxo a cargo de Victoriano Otero e Os fotógrafos Torres e Olimpo, con Luis Dobarro, dará paso, ás 21.30 horas, á entrega do premio Sanxenxo na Historia, que recae na Asociación Fotográfica Ollares de Portonovo.