'Ollares na Rúa' despide dúas xornadas de música e actividades en Pascual Veiga

Asistentes á exposición. DS
A exposición recibiu a visita de decenas de veciños e visitantes, así coma do alcalde, Telmo Martín

Baixo o lema de exposición fotográfica e diversión, a mostra Ollares na Rúa, organizada pola asociación Ollares de Portonovo en colaboración co Concello, encheu a sanxenxina praza de Pascual Veiga de historia pasada e presente do municipio nunha mostra fotográfica que xa é todo un clásico no municipio.

A exposición, que contou o martes e o mércores con photocall, animación, sorteos e sorpresas, recibiu a visita de decenas de veciños e visitantes que, como en cada unha das súas edicións, nas que a exposición non fai máis que medrar, acudiron a atopar vestixios familiares, lembranzas ou simplemente a admirar as ventás abertas ao pasado que compoñen centos de fotografías expostas ao aire libre.

O evento, que recibiu a visita do alcalde, Telmo Martín, na primeira xornada, pecha cunha actuación musical ao longo do mércores.