O 7 de decembro, data límite para anotarse no Concurso de Decoración de Nadal

Escaparate de Tijeras de Diseño, gañador do Concurso de Decoración de Nadal de pasado ano. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Haberá un primeiro premio dotado con 595 euros, dous segundos con 395 euros cada un e outros dous terceiros que recibirán 200 euros para os comercios e a hostalaría

A Concellería de Promoción Económica amplía ata o xoves, 7 de decembro, o prazo de inscrición no Concurso de Decoración do Nadal que convoca anualmente co obxectivo de animar aos establecementos a engalanar os seus escaparates e locais como medio de dinamizar a súa actividade durante estas festas e, á vez, contribuír a crear ambiente na cidade e complementar a iluminación e os xardíns efémeros que pon o Concello. Os cinco locais mellor decorados recibirán premios en metálico: 595 euros o primeiro clasificado, 395 cada un dos dous segundos e 200 para os dous terceiros postos.

O certame diríxese aos sectores do comercio retallista, restauración, hostalaría e vendedores da Praza de Abastos. Os interesados en anotarse deben facelo mediante a presentación dunha instancia xenérica a través da sede.vilagarcia.gal e aportar fotografías da decoración, tal como se recolle nas bases que están dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal e da sede electrónica do Concello.

A decoración deberá manterse como mínimo dende o día 7 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2023. A elección dos gañadores decidirase en base aos votos do xurado, que valorará aspectos como a creatividade e a orixinalidade, a iluminación e o uso de materiais naturais ou reciclados.