Concello e UPTA comparten propostas para dinamizar a praia da Concha-Compostela

Reunión do alcalde e o concelleiro cos representantes dos autónomos. DS
Os usos hostaleiro, deportivo e cultural do areal que propón o colectivo xa están previstos no proxecto do goberno local

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Álvaro Carou, recibiron no Concello ao presidente nacional da UPTA, Eduardo Abad, e aos directivos da asociación local, Jesús Diéguez e Reyes Casabella, no marco das reunións periódicas que o goberno local mantén con colectivos socioeconómicos co obxecto de pulsar a súa opinión e establecer vías de diálogo permanente respecto a asuntos de interese colectivo para o municipio.

O encontro centrouse principalmente na dinamización da praia da Concha-Compostela, un obxectivo no que o executivo socialista vén traballando dende hai anos, e que a asociación de traballadores autónomos tamén considera esencial para o desenvolvemento económico e turístico da cidade.

Os directivos de UPTA comparten a visión do goberno local de que o areal urbano de Vilagarcía é un recurso de gran valor e cun enorme potencial que se debe aproveitar. Igual que o proxecto municipal, os autónomos defenden que a dinamización da praia pasa por convertela nun centro de ocio no que, ademais dos usos convencionais como zona de baño e paseo, tiñan cabida o deporte, as actividades lúdicas e culturais e a hostalaría.

Esta visión xeral coincide co xa anunciado por Varela ao remate das labores de rexeneración medioambiental levadas a cabo por Costas do Estado este ano para erradicar o cadillo e mellorar a calidade da area. De feito, o Concello ten previsto habilitar zonas deportivas con equipamentos desmontables para a práctica de fútbol e vólei praia, así como continuar potenciando A Concha-Compostela como escenario de actividades culturais. En canto ás instalacións deportivas, as ideas tamén son coincidentes en canto á distribución de distintos espazos ao longo do areal mediante a instalación de elementos desmontables e lixeiros.

Concertos e festivais na primeira parte do areal

A proposta de UPTA tamén coincide co proxecto municipal en canto á idoneidade de celebrar concertos e festivais na praia como elemento dinamizador e por tratarse dun espazo amplo e axeitado para este tipo de actividades. O colectivo de Abad Sabarís delimita o espazo situado entre o peirao do Ramal e o parque da Concha – a parte máis ancha do areal- como a zona apropiada a esta finalidade.

Concello e UPTA tamén comparten a necesidade de potenciar a instalación de establecementos hostaleiros na zona da praia durante a temporada de verán para aproveitar un enclave atractivo de por si, pero que o sería aínda moito máis de dispor de máis oferta.

Alberto Varela valorou o encontro cos responsables de UPTA como moi positivo, e salientou a actitude construtiva e proactiva da organización, á que agradeceu a súa disposición a traballar conxuntamente co Concello.