Intecmar participa en Nova Zelandia nunha auditoría para avaliar o sistema de control na producción de bivalvos

A directora do centro de Vilaxoán, Covadonga Salgado, participou nesta actividade da Unión Europea
Covadonga Salgado, durante a auditoría en Nova Zelandia do Intecmar. DS
photo_camera Covadonga Salgado, durante a súa visita a Nova Zelandia. DS

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, participou esta semana na auditoría para avaliar os sistemas de control na produción de moluscos bivalvos que Nova Zelandia destina á exportación cara a Unión Europea. Esta participación como experta faise en resposta á invitación da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria (DG Sante) da Comisión Europea, organismo responsable de realizar auditorías, inspeccións e outras actividades relacionadas tanto en países da UE como de fóra dos seus Estados membros. 

O Intecmar, que realiza cada ano máis de 80.000 análises para garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar galego, participa dada a súa experiencia neste ámbito en distintos procedementos deste tipo, sumando tanto a propia Salgado como outros profesionais do instituto galego ata 25 participacións en diferentes procesos de auditoría da DG Sante da Comisión Europea como a que se levará a cabo en Nova Zelandia xunto co Ministerio de Industrias Primarias neozenlandés.

A DG Sante realiza estas actividades para garantir que a lexislación dá UE sobre seguridade de alimentos e pensos, saúde e benestar animal e sanidade vexetal se cumpran de forma axeitada ou equivalente, co fin de que os cidadáns europeos podan estar seguros dos alimentos que levan á mesa e das condicións en que se comercializan.   

Na actualidade as relacións comerciais de Nova Zelandia e a UE están a experimentar un forte pulo que se prevé irá a mais xa que o 1 de maio entrou en vigor o acordo de libre comercio entre este país das antípodas e a UE que ratificou a Comisión Europea a finais de 2023.