A Praza de Abastos de Vilaxoán será modernizada por máis de 23.000 euros

A zona central da Praza de Abastos de VIlaxoán en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O Concello adxudicou a reforma á empresa Lumea Soluciones Eléctricas, que dotará o mercado municipal dun sistema fotovoltaico

A Concellería de Promoción Económica de Vilagarcía continúa modernizando e implementando os mercados públicos municipais baixo criterios de sustentabilidade. A última das accións impulsadas neste marco é a dotación dun sistema fotovoltaico na Praza de Abastos de Vilaxoán, de xeito que aproveitando a enerxía solar se xere electricidade para o autoconsumo colectivo do edificio. Ademais de avanzar nos niveis de eficiencia enerxética, coa actuación tamén se conseguirá un importante aforro na factura de consumo eléctrico. O equipamento, similar ao xa instalado na Praza de Vilagarcía, foi adxudicado á empresa Lumea Soluciones Eléctricas por importe de 23.046,30 euros.

A acción finánciase cos fondos Next Generation concedidos ao programa Vilagarcía Viva no marco do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dentro da liña de proxectos de mellora, revitalización e resiliencia de mercados tradicionais e zonas comerciais urbanas.

Tamén dentro deste mesmo proxecto, o departamento que dirixe Álvaro Carou financiou a reforma da Praza de Abastos de Vilaxoán, dotouna dun punto de recarga para coches eléctricos e adquiríronse os novos equipos de refrixeración que se están instalando. Con estas melloras, o Concello de Vilagarcia pretende dinamizar o mercado público no marco da estratexia que está a desenvolver dende hai anos para fixar e captar poboación na localidade mariñeira mediante a creación de novos servizos e mellora dos existentes.