O Revenidas publica os seus horarios e anuncia os seis concertos a bordo e a gala de circo solidaria

Tanxugueiras na edición pasada do Festival. CHRISTIAN PÉREZ
As entradas e o abono, que están á venda en revenidas.com, cambiarán de prezo o martes 3 de setembro

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) dende o xoves 12 ata o domingo 15 de setembro, pecha o groso da súa programación co anuncio dos concertos a bordo, a gala de circo solidario e o horarios dos concertos, que se pode consultar nas redes sociais e na web do festival dende este mediodía.

Unha das tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle o Revenidas en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra é a celebración de concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa.

Na programación, o sábado 14 de setembro actuarán: Mondra ás 13.00 horas , Lontreira ás 15.00 horas e Catuxa Salom ás 17.00 horas. Os concertos a bordo do domingo 15 correrán por conta de Monoulious Dop ás13.00  horas, Sés ás 15.00 horas e Fillas de Cassandra ás 17.00 horas. A venda de entradas para estes concertos ábrese ás 12.00 horas do sábado 31 de agosto.

Cartel por días Revenidas. DS

GALA DE CIRCO SOLIDARIA

Outra das actividades emblemáticas do festival Revenidas é a celebración o domingo da Gala Solidaria de Circo. A deste ano dará comezo ás 17.30 horas e estará dedicada en solidariedade co pobo palestino. A entrada é de balde

A Gala acollerá unha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega dos espectáculos de rúa. É o caso, por exemplo, de Peter Punk, todo un clásico desta gala; da actriz e narradora compostelán Cris Collazo; de N+1, o proxecto persoal do clown Alfredo Pérez Muíño; da actriz, trapecista e bailarina coruñesa Sue Moreno; do Mago Noel, que presentará o seu espectáculo Que  curioso!; e do dúo Jack Jhonson e Jhon Jackson, formado polo artista circense David Varona e o músico e malabarista Jonathan Valencia.

SARDIÑADA

Sempre se conta, porque esa é a realidade, que o festival Revenidas naceu a partir da sardiñada popular que cada ano se celebraba en Vilaxoán. Non é por tanto de estrañar que esta actividade siga a ser considerada como o epicentro do festival.

A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas desta edición terá lugar o domingo 15 no parque de dona Concha e con entrada libre, como todas actividades desa xornada. A partir das 13.30 horas poderanse degustar as que posiblemente son as mellores sardiñas do mundo.

A xornada do domingo complétase coas actuacións de Os Terribles de Arousa ás 12.00 horas, Uxía Lambona e A Banda Molona ás 13.00 horas, Mekanika Rolling Band ás 15.30 horas  e xa pola tarde Caamaño & Ameixeiras ás 19.45 horas e De Ninghures ás 21.00 horas. A entrada para todas as actividades e concertos do domingo é de balde.