Vilagarcía estreará a finais de semana o pavillón número 1 de Fontecarmoa

Traballos na cuberta do pavillón de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Tras realizar unha actuación cun investimento de 2,2 millóns de euros, o novo pavillón poderá comezar a usarse a finais desta semana

A esperada reforma integral do pavillón de deportes número 1 de Fontecarmoa vén de finalizar e o deporte de Vilagarcía de Arousa regresará á renovada infraestrutura deportiva en cuestión de días.

Concluídas as obras e a limpeza das instalacións o alcalde, Alberto Varela, ten previsto visitar o próximo mércores o pavillón para comprobar o estado final do ambicioso proxecto no que se investiron algo máis de 2 millóns de euros. A partir dese momento, o equipamento porase a disposicións dos clubs deportivos que poderán comezar a usalo a finais desta mesma semana.

Coa execución deste importante proxecto Vilagarcía conta cun pavillón que veu renovada a súa imaxe tanto interna como externa, pero sobre todo, dispón dunha infraestrutura deportiva moderna, eficiente enerxeticamente e confortable tanto para a práctica do deporte como para o público. Os principais esforzos desta actuación centráronse en resolver os graves problemas de humidades e condensación que sufría o edificio construído hai máis de 40 anos. Por iso cambiouse a cuberta, recubríronse as fachadas e instalouse un sistema de climatización axeitado.

Para poder realizar esta actuación foi preciso tamén substituír toda a instalación eléctrica tanto na cancha, como nos vestiarios, aseos e restos das dependencias. A intervención incluíu a reforma e mellora da zona de vestiarios, os aseos e o perímetro da cancha.

Ademais, instalouse un parque de placas solares coas que se xerará enerxía eléctrica para abastecer á propia instalación deportiva, converténdoa nun edificio sostible e eficiente enerxeticamente. O Concello fixo un importante esforzo económico para acometer o proxecto, xa que dos case 2,2 millóns de euros nos que estaba orzamentado, a administración local financia 1.779.428 euros (1.353.874 euros directamente e 425.554 euros con parte dos fondos que lle corresponden a Vilagarcía con cargo ao Plan Concellos da Deputación) . Os 350.000 euros restantes son a achega que fai a Secretaría Xeral para o Deporte.

A reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa é un dos grandes obxectivos marcados polo equipo de Alberto Varela no seu programa de goberno. Trátase dun dos investimentos máis importantes desenvolvidos en Vilagarcía nos últimos tempos e que completa "un gran ano para a cidade". Un 2024 no que tamén se inaugurou a nova Biblioteca Municipal e se executou a rexeneración ambiental das praias da Concha-Compostela.