Os clans do narcotráfico desembarcan en Netflix da man de Vaca Films

Cambados e A Illa de Arousa son escenarios da serie, que conta no reparto con Xosé Manuel Esperante e Alicia Armenteros
Escena dun desembarco de droga gravada na Illa de Arousa para a serie de Netflix. JAIME OLMEDO
photo_camera Escena dun desembarco de droga gravada na Illa de Arousa para a serie de Netflix. JAIME OLMEDO

A veda abriuse en 2009 con Matalobos. Por primeira vez unha serie, neste caso da Televisión de Galicia, escollía como tema argumental o do narcotráfico.

A nivel estatal, o fenómeno acrecentárono, case dez anos despoi, en 2018, Vivir sin permiso (Telecinco) e, sobre todo, Fariña (Antena 3), a adaptación do libro do xornalista Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico galego. A produtora Vaca Films, que ten á fronte á grovense Emma Lustres, suma agora unha nova serie ás ficcións sobre este tema. Titúlase Clanes e estréase este venres en Netflix.

"Eu son do Grove e facía tempo que tiña ganas de facer algo sobre o mundo do narcotráfico", explica a produtora. "Fixeramos xa unha película, A quien hierro mata, con el de fondo e, despois de documentarnos con policías, xuíces, fiscais, xornalistas e narcos, quedáronnos ganas de facer algo máis. Pensando nunha serie que lle puidese resultar interesante a Netflix presentámoslle esta idea, ambientada no mundo do narcotráfico na que o fío condutor é unha vinganza, e aceptaron".

A pesar de recoñecer que varias historias e personaxes reais inspiraron o punto de partida da serie, Emma Lustres subliña que Clanes é unha ficción. "Recoñezo que non son moi fan desas series e películas 'baseadas en feitos reais', con nomes e apelidos de persoas auténticas, que, ao final, teñen que acabar cambiando unha chea de cousas ou inventándoas. Prefiro a franqueza de recoñecer que se parte da realidade, pero para crear unha ficción absoluta".

O Salnés, escenario perfecto para a trama

Cambados e A Illa de Arousa foron as localizacións principais desta historia, ambientada fundamentalmente en Galicia. "Interesábame sobre todo ambientala nun lugar actual e que para nada se transmitise unha imaxe economicamente deprimida da zona. Fuximos adrede diso porque O Salnés, en concreto, e as Rías Baixas, en xeral, son unha zona moi rica, cunha chea de atractivos económicos e industriais. Temos o mar, a conserva, o viño, o turismo... É unha zona moi desfrutona, moi bonita, cunhas paisaxes alucinantes e cun clima envexable. Aquí vívese moi ben. Quería que se vira".

Os narcos galegos teñen unhas características que non teñen noutros sitios do mundo

Nesa paisaxe idílica é onde se asentou principalmente o narcotráfico en Galicia. "A circunstancia do narcotráfico efectivamente está aí e é moi truculenta. Ao mesmo tempo é bastante peculiar. Os narcos galegos teñen unhas características que non teñen noutros sitios nin de España nin do mundo. Tamén se ve na serie".

Clanes é a terceira serie que Vaca Films produce para Netflix. A colaboración entre a produtora galega e a plataforma comezou con El desorden que dejas e continuou con Hasta el cielo. A maiores teñen producido tamén para eles algunha película como foi Infiesto. "A verdade é que estamos moi contentos e moi agradecidos. Non poderiamos dicir outra cousa que que estamos moi cómodos traballando con Netflix", recoñece Emma Lustres, que lembra que a serie se poderá ver en máis de 190 países e se dobrará a varios idiomas. "Para eles o produto é o máis importante. O que buscan é subministrar moito produto e moi variado. A Netflix o que lle interesa é o talento e os produtos xenuínos. A nosa relación con eles baséase nestes dous piares".

Protagonistas con acento pontevedrés

Tamar Novas e Clara Lago son os protagonistas principais desta produción na que tamén traballan Xosé A. Touriñán, Chechu Salgado, Melania Cruz, Miguel de Lira, Diego Anido e María Pujalte, ademais dos pontevedreses Alicia Armenteros e Xosé Manuel Esperante (actor afincado na cidade dende hai máis de 15 anos).

Algún dos protagonistas da serie de Netflix 'Clanes' rodada en Cambados e A Illa de Arousa. DS
Algún dos protagonistas da serie. DS

Jorge Guerricaechevarría é o creador da ficción, que conta con Roger Gual tamén na dirección. "Jorge Guerricaechevarría é o mellor guionista que hai en España, un profesional extraordinario. Para min é símbolo de atinar.

Por iso traballamos tanto con el", conta Lustres. "Con Roger Gual tamén repetimos despois de ter colaborado en El desorden que dejase tamén é un director moi solvente. Creo que configuramos un equipo técnico moi bo. E maioritariamente galego". Del forma parte o responsable da foto fixa, o pontevedrés Jaime Olmedo. Xusto despois de que Movistar Plus estreara a súa serie Marbella, que ten detrás ao galego Dani de la Torre e está inspirada nun traballo doutros dous galegos, Nacho Carretero e Arturo Lezcano, Vaca Films e Netflix lanzan agora Clanes onde se conecta o narcotráfico galego co da Costa do Sol. "Volvemos a iso que che dicía ao principio de partir da realidade para construír unha historia. Esas conexións existen", explica a produtora.

"A nosa historia está ambientada en Galicia, pero na serie cóntase que os narcos se moven a nivel nacional e internacional. Así que teñen conexións con Madrid, coa Costa do Sol, con Portugal e con algún país africano. Nós, neste sentido, rodamos tamén en Dakar, por exemplo".