Portonovo rende homenaxe a todo un referente social e cultural: "Grazas, Manolo!"

O Club de Xubilados acolleu este mércores a sentida homenaxe a Manuel Bea, veciño ilustre para o que a vila pediu "unha rúa ou praza ao seu nome"
Manuel Bea Silva recolleu este mércores unha placa en agradecemento do pobo. DS
photo_camera Manuel Bea Silva recolleu este mércores unha placa en agradecemento do pobo. DS

Cancións, apertas, aplausos, e algunha que outra bágoa de emoción foi o cóctel co que este mércores Portonovo lle rendeu homenaxe a un dos seus veciños máis ilustres e queridos, Manuel Bea Silva (19/08/1934), un auténtico referente a nivel social e cultural da vila mariñeira.

Manuel Bea Silva recolleu este mércores unha placa en agradecemento do pobo. DS
Manuel Bea Silva recolleu este mércores unha placa en agradecemento do pobo. DS

O acto, que se desenvolveu no Club de Xubilados, coa colaboración do Concello de Sanxenxo, deu cabida a todo o eido asociativo, veciñal e político da zona, cuxos representantes tomaron, un a un, a palabra para repasar a grandísima labor de Bea Silva en favor da veciñanza ao longo de toda a súa vida, finalizando sempre coa frase máis repetida de toda a xornada: "Grazas, Manolo!".

Dende o Portonovo SD, pasando polas representacións das ANPAs municipais, nas que tamén deixou pegada, e que lle agradeceron o seu traballo en nome de "todos os nenos e nenas de Portonovo", ata a agrupación Os Gatiños de Portonovo, que o mesmo Manuel Bea fundou poñendo, con ela, "a Portonovo no mapa de España", ou a Asociación de Veciños San Cristóbal, xunto a outras moitas entidades, a valía e a entrega do homenaxeado supúxolle este mércores, nada menos que o recoñecemento dun pobo enteiro, que pediu ao Concello que lle poña "unha rúa ou praza ao seu nome".

O alcalde, Telmo Martín, que estivo acompañado pola edil Paz Lago e outras representantes da Corporación, asegurou que "estoulle moi agradecido e sempre me fixei nas cousas que el facía. Manolo merece moito máis". Durante o acto, no que tamén houbo baile e música en directo, Manuel Bea recibiu unha placa coa súa fotografía.