Vilagarcía dedicará este ano un 38% máis de recursos ao emprendemento e á contratación

▶ As bases das convocatorias aprobaranse este luns e poderán solicitarse tras a súa publicación no BOP
Negocios na praza de abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Negocios na praza de abastos de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Xunta de Goberno local de Vilagarcía aprobará este luns as bases das axudas municipais á creación de empresas e á contratación por contra allea. Co obxectivo de continuar impulsando estas dúa s medidas das políticas de fomento do emprego, o executivo local incrementou este ano nun 38% os recursos destinados a financiar as subvencións, pasando dos 87.000 euros dos que se dispuxo en 2023, aos 120.000 euros do actual exercicio. Unha vez aprobadas as bases, o prazo de solicitude para que empresas e emprendedores poidan solicitar as axudas abrirase tras a publicación do acordo no BOP.

En relación ás convocatorias de 2024, son as Axudas á Creación de Empresas as que ven incrementarse máis a súa partida, case un 43%, ao pasar dos 42.000 euros do ano pasado aos 60.000 deste. Esta mesma cifra será a que se dispoña para as subvencións para a contratación de traballadores desempregados ou mellora das condicións de persoal xa contratado, aínda que a subida é dun 33% posto que en 2023 xa de contou con 45.000 euros.

A través da primeira, os emprendedores poden obter unha subvención máxima de 2.500 euros para a posta en funcionamento dos seus negocios

As Axudas á contratación por conta allea están dirixidas ás empresas. Neste caso, a contía da subvención varía en función do tipo de contrato asinado, podendo chegar ao máximo de 3.000 euros por traballador. Nesta edición limítase a dúas o número máximo de contratacións subvencionables por solicitante para que as axudas poidan chegar a máis empresas.