Vilagarcía prenderá 267 fogueiras na noite de San Xoán e 202 en San Pedro, pero con menos praias

Haberá sete fogueiras concentradas en Carril (Covacha e O Curruncho) e Vilaxoán (Preguntoiro e Saíñas)
Hogueras San Xoán Carril Vilagarcía 2022. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Hogueras San Xoán Carril Vilagarcía 2022. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O San Xoán de Vilagarcía celebrarase sen fogueiras nas praias da Concha e da Compostela, a causa dos traballos de rexeneración que se están a levar a cabo, aínda que mantén viva a tradición, con ata 267 cachadas autorizadas polo Concello e que, tamén seguindo os usos e costumes, irán acompañadas das correspondentes viandas que se cociñarán nas grelladas privadas e nas 15 que realizarán establecementos hostaleiros.

Nas praias, a pesar da merma de solicitudes ao pechar dous espazos emblemáticos, haberá sete fogueiras concentradas en Carril (Covacha e O Curruncho) e Vilaxoán (Preguntoiro e Saíñas). A maiores, tamén se pediron dous permisos para a noite de San Pedro no Preguntoiro.

Neste sentido, se ben a noite de San Xoán é a máis importante e máis popular, en Vilagarcía está collendo forza a celebración da festividade de San Pedro, como o demostra o número de permisos tramitados tamén para facer cachadas durante esta xornada. De feito, este ano ata solicitáronse 202 autorizacións de fogueiras particulares para a noite do 28 ao 29 de xuño, ademais de 16 permisos hostaleiros para facer grelladas (un máis que para o día 23). A causa de que o número se achegue ao da noite de San Xoán débese a que este ano San Pedro cae en sábado, tal e como sinalaron dende o Goberno local, que tamén lembrou que, durante as fogueiras, débense ter en conta as normas e requisitos de seguridade.

Normas de obrigado cumprimento

Con exceso de vento non se poderá prender a fogueira. En situación de normalidade, a cachada terá un perímetro de seguridade de 6 metros de radio por cada metro da altura combustible, porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, de que estea lonxe de zonas arboradas, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Non se poderán acumular combustibles nos arredores das cachadas e tampouco se poderán queimar nelas materiais contaminantes ou perigosos, como pneumáticos, aerosois, etc.

A modo de prevención, deberá disporse de material para a extinción do lume, tal e como caldeiros con auga, area ou extintores, e os organizadores están obrigados a deixar completamente apagada a fogueira antes de marcharse, para o cal deberán empapala con auga.

As fogueiras autorizadas nas praia s deberán cumprir tamén o requisito de instalarse respectando os 6 metros de servidume de paso dende a liña de preamar ou marea alta, tal como se recolle na ordenanza reguladora do uso das praias, e outros 6 metros de marxe respecto ao bordo do paseo marítimo.

No caso de que se teña intención de realizar a cachada na beirarrúa ou en calquera outro espazo público, ademais de cumprir os requisitos xa mencionados, deberá protexerse o pavimento con placas de ferro, area ou material similar que evite danalo. Ademais, os organizadores terán que deixar a zona limpa unha vez rematada a fogueira.