A Xunta mellorará a pavimentación de varios camiños de parroquias de Cambados
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou en Cambados o resultado das obras de mellora da pavimentación dos camiños de Couto de Abaixo, na parroquia de Castrelo.
As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2023-2024 da consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de preto de 50.000 euros, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.
O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar as obras que se levarán a cabo neste concello e que, cun orzamento semellante ao do ano pasado, permitirán mellorar a pavimentación de camiños en Covas Lobos e Revolta, nas parroquias de Vilariño e Castrelo.
Cabe destacar que o Plan Marco 2024-2025 deixará na comarca do Salnés e Ullán preto de 500.000 euros en investimentos que permitirán, ademais das obras citadas en Cambados, mellorar camiños municipais en Catoira; o camiño de Ameiró, en Meaño; o acceso a parcelas agrícolas nas parroquias de Armenteira e Meis; a pista da Barosa e o camiño do Ullán, en Pontecesures; o acceso aos núcleos de Outeiro e Puxafeita, en Ribadumia; o vial principal entre Gondariño e Carballo, en Sanxenxo; un camiño municipal no lugar de Carracido, en Valga; un camiño na rúa Canto de Sobrán, en Vilagarcía de Arousa; e varios camiños rurais na parroquia de Tremoedo, en Vilanova de Arousa.