O Atlético Villalonga erra na puntería

Unha acción do partido celebrado o sábado entre o Atlético Villalonga e o Huesca. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O Atlético Villalonga empata contra o Huesca nun partido de dominio infructuoso

O Atlético Vilalonga debeu conformarse cunha igualada no partido da terceira xornada contra a Sociedad Deportiva Huesca. O partido foi dominado polas locais durante a maior parte do tempo, pero faltoulle o acerto nos últimos metros do terreo de xogo para marcar e ficar cos tres puntos na casa. As defensas estiveron por enriba dos ataques no envite e foron chave para comprender o resultado final sen goles.

Os locais arrancaron mellor o enfrontamento e fixéronse co control do balón e da iniciativa. De feito, o bloque celeste dispuxo das mellores oportunidades nese primeiro acto.

Así, a arqueira visitante, Paola Cruz tivo que esmerarse para evitar que o 1-0 chegase ao marcador nos primeiros intres do enfrontamento, con dúas accións case consecutivas nas que salvou o conxunto oscense de verse por debaixo do electrónico.

A escadra vencellada co Pontevedra Club de Fútbol foi perdendo fol co paso dos minutos e o seu rival foi gañando confianza e asentándose sobre o terreo de xogo. De feito, xa no treito final do primeiro acto o Huesca deu a sensación de controlar as embestidas iniciais do Atlético Villalonga.

No segundo tempo, o cadro local amosou máis dificultades para crear e chegar á area aragonesa. De feito, o dominio territorial das locais atopaba resposta en accións por velocidade desenvolvidas en transición polo cadro visitante.

O Huesca mesmo chegou a marcar. Foi nunha contra que finalmente o colexiado lle anulou á Beatriz Mosquera por posición antiregulamentaria, superado o cuarto de hora da reanudación.

Malia a maior posesión de esférico e o seu dominio, o Atlético Villalonga non foi quen de rachar o entramado defensivo do SD Huesca e debeu conformarse cunha igualada.

De tal maneira, o bloque preparado por Edu González suma o seu cuarto punto da temporada e ocupa a oitava posición da liga, despois de tres xornadas nas que obtivo un resultado de cada signo: unha vitoria, unha derrota e un empate.

FICHA TÉCNICA
0. Atlético Villalonga: Patricia Curbelo, Ane Pérez (Noa Díaz, minuto 90), Nerea González, Goretti Neira (Carolina Agulla, minuto 85), Alba Suárez, Catarina Machado, Catarina Gomes (Lola Okenve, minuto 74), Rosalía Muíño (Claudia Cabezas, minuto 74), Nerea Lombardero (Amanda Chaves, minuto 74), Helena Vives, Paula Jimena
0. Sociedad Deportiva Huesca: Paola Cruz, Paz Sánchez, iris Armas, Esther Sancho, Cristina Díaz, Marta Perarnau (Beatriz Parra, minuto 66), Laura Palomino (Yolanda Palomino, minuto 66), Beatriz Mosquera, Hirono Morita, Yolanda Bonnín e Yuki Nakata (Martina Alastuey, minuto 83).
Árbitros: Gómez Lameiro (Colexio Galego). Amoestou a local Nera González e a visitante Paz Sánchez.
Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada de liga do grupo 1 de Segunda Federación disputado no campo de San Pedro de Vilalonga ante 200 persoas aproximadamente.