O Grupo Popular anima ao Concello do Grove a elaborar unha proposta para mellorar a PO-316 e PO-317

Gonzalo Trenor. Europa Press
Gonzalo Trenor explicou que “o que terá máis peso no proxecto é a renovación de servizos de titularidade municipal”

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, animou este xoves no Parlamento galego ao Concello do Grove “a elaborar unha proposta de actuación para a mellora das estradas PO-317 e PO-316, no tramo da rúa Luís Antonio Mestre, porque é a administración con maior interese nesta actuación e porque o que terá máis peso no proxecto será a renovación de servizos de titularidade municipal, desde a iluminación aos servizos hidráulicos soterrados”. 

Respecto da estrada PO-316, Gonzalo Trenor lembrou que a Xunta elaborou en 2018 un proxecto para a humanización da rúa Luís Antonio Mestre, no que se puxo de manifesto que case a metade do investimento destinaríase a actuacións en servizos urbanos, como abastecemento, saneamento, telecomunicacións, rede eléctrica ou iluminación. 

“Deste xeito, e tendo presente que a actuación na PO-316 que se solicita é de interese fundamentalmente municipal, debe ser o propio Concello o que elabore unha proposta sería en forma de convenio, na que asuma o custo de renovación dos servizos municipais e o cambio de titularidade deste treito da estrada”, indicou o portavoz popular.

Xestión de mobilidade

No canto da estrada PO-317, Trenor recordou que este viario foi obxecto dunha actuación por parte da Xunta entre os anos 2005 e 2006 na que se investiron 4,4 millóns de euros, “pero que, co paso do tempo, podería ser obxecto dunha actuación de conservación do firme ou reparacións puntuais no marco do conxunto de xestión das estradas autonómicas”. 

Porén, lamentou o deficiente estado das súas beirarrúas na actualidade, ante o que demandou ao Concello do Grove “unha reflexión sobre a súa xestión da mobilidade no municipio porque permitir que vehículos ocupen as sendas e as beirarrúas é algo para o que non foron deseñadas”. 

Para rematar, Gonzalo Trenor explicou que estas actuacións nas estradas PO-316 e PO-317 “non sería elixibles para ningunha das liñas de financiamento do programa europeo FEDER 21/27, xa que moitas das intervencións necesarias son de competencia municipal e teñen liñas de financiamento a cargo do Estado”.