A proxección de 'Valentina' chega este xoves ao Auditorio do Grove
O Auditorio do Grove acollerá este xoves 26 de outubro a proxección do filme de animación Valentina ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. A sesión para a exhibición desta película, dirixida por Chelo Loureiro e finalista nesta categoría dos premios, terá lugar ás 11.30 horas e desfrutarán dela máis de 400 escolares de tres centros educativos da vila.
O filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García.