O Concello de Ribadumia está levando a cabo o programa 'Educando en Igualdade' con alumnos de 3º e 4º da ESO do CPI Julia Becerra Malvar. Concienciados da necesidade de traballar arreo neste eido, pois a Igualdade de Xénero estase a converter nunha reivindicación diaria que comezou a introducirse en múltiples sectores do día a día, entre eles internet e as redes sociais.
Dende o Concello informan tamén dunha Charla-coloquio que están a organizar en colaboración co CPI Julia Becerra Malvar, dirixida ás familias de nenos e nenas en idade escolar dende segundo ciclo de primaria ata educación secundaria.
A charla 'Educando en Igualdade na Era Dixital', ten como principal obxectivo xerar un espazo de concienciación coas familias sobre o peso e as consecuencias que ten nos nenos e nenas a socialización por medios dixitais (redes sociais, pornografía...) e a relación directa en comportamentos e actitudes machistas e que promoven violencia.
A charla será o venres 26 de abril de 16:00h ata as 17:30h na biblioteca do CPI Julia Becerra Malvar.