Vero Rilo e Carmen Conde únense nunha nova edición de 'Violencia Zero' en Ribadumia
As contadoras Vero Rilo e Carmen Conde protagonizarán a nova acción do programa da Deputación de Pontevedra Mulleres en acción. Violencia Zero que se desenvolverá este xoves 2 de novembro en Ribadumia. Trátase dunha peza na que, baixo o título O verbo dos posibles, ambas artistas explorarán os camiños da narración oral desde unha perspectiva feminista. A actuación, á que asistirá a deputada provincial Isabel Couselo, terá lugar ás 14:00 horas no CPI Julia Becerra Malvar e irá precedida dun obradoiro con 22 alumnos de 4º da ESO.
O verbo dos posibles é, segundo as artistas, unha homenaxe aos contos e ao termo computus (do latín compŭtus, conta, que alude a unha narración breve). Esta palabra antiga refírese aos contos, ás contas e tamén ao cálculo dos ciclos no calendario. Deste xeito, nesta sesión as historias están vencelladas á multiplicación de bocas femininas que transmitiron unha narración ata convertela en tradición, así como tamén ao paso do tempo, “no que grazas ás recollidas e conservación de historias especialmente feitas por mulleres, grazas á autoría e o maxín, perpetuou a través das xeracións todos os cómputos”.
Carmen Conde é filóloga, dramaturga, guionista e contadora. Autora de relatos breves infantís e adultos e humorista, fundou Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, dende onde crean formatos escénicos e audiovisuais, como a mini serie web “Premios Darwin” e a serie dixital Quéreme soar!. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, micorrelato e narración oral. Pola súa banda, Vero Rilo é narradora oral e educadora. Titulada como técnica superior en Integración Social e tamén en Educación Infantil, leva desde 2013 contando contos e historias para todos os públicos tras formarse con referentes da narración oral galega e internacional como Charo Pita, Tim Bowly, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Rodorín, Pablo Albo ou Soledad Felloza.
O programa provincial Mulleres en Acción. Violencia Zero está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións con 35 artistas que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona, Cambados, Marín, Poio, Vilagarcía, Caldas e A Lama e, tras Ribadumia, o programa chegará a Tui e Forcarei.