Vero Rilo e Carmen Conde únense nunha nova edición de 'Violencia Zero' en Ribadumia

Protagonizarán este xoves a peza 'O verbo dos posibles', dirixida ao alumnado de ESO do CPI Julia Becerra Malvar,  na que exploran os camiños da narración oral desde unha perspectiva feminista
Performance dunha campaña de Violencia Zero promovida pola Deputación, en 2020. ARQUIVO
photo_camera Performance dunha campaña de Violencia Zero promovida pola Deputación, en 2020. ARQUIVO

As contadoras Vero Rilo e Carmen Conde protagonizarán a nova acción do programa da Deputación de Pontevedra Mulleres en acción. Violencia Zero que se desenvolverá este xoves 2 de novembro en Ribadumia. Trátase dunha peza na que, baixo o título O verbo dos posibles, ambas artistas explorarán os camiños da narración oral desde unha perspectiva feminista. A actuación, á que asistirá a deputada provincial Isabel Couselo, terá lugar ás 14:00 horas no CPI Julia Becerra Malvar e irá precedida dun obradoiro con 22 alumnos de 4º da ESO. 

O verbo dos posibles é, segundo as artistas, unha homenaxe aos contos e ao termo computus (do latín compŭtus, conta, que alude a unha narración breve). Esta palabra antiga refírese aos contos, ás contas e tamén ao cálculo dos ciclos no calendario. Deste xeito, nesta sesión as historias están vencelladas á  multiplicación de bocas femininas que transmitiron unha narración ata convertela en tradición, así como tamén ao paso do tempo, “no que grazas ás recollidas e conservación de historias especialmente feitas por mulleres, grazas á autoría e o maxín, perpetuou a través das xeracións todos os cómputos”.

Carmen Conde é filóloga, dramaturga, guionista e contadora. Autora de relatos breves infantís e adultos e humorista, fundou Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, dende onde crean formatos escénicos e audiovisuais, como a mini serie web “Premios Darwin” e a serie dixital Quéreme soar!. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, micorrelato e narración oral. Pola súa banda, Vero Rilo é narradora oral e educadora. Titulada como técnica superior en Integración Social e tamén en Educación Infantil, leva desde 2013 contando contos e historias para todos os públicos tras formarse con referentes da narración oral galega e internacional como Charo Pita, Tim Bowly, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Rodorín, Pablo Albo ou Soledad Felloza.

O programa provincial Mulleres en Acción. Violencia Zero está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas”. Programáronse 25 novas accións con 35 artistas que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar á sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona, Cambados, Marín, Poio, Vilagarcía, Caldas e A Lama e, tras Ribadumia, o programa chegará a Tui e Forcarei.