Unha ducia de servizos sanitarios no Hospital do Salnés asinan un compromiso medio ambiental

Foto de grupo tras la firma del Servizos Verdes en el Hospital do Salnés. DS
O novo protocolo Servizo Verde pretende promover dentro da Área Sanitaria unha cultura da sustentabilidade na organización e da participación dos profesionais

Unha ducia de servizos asistenciais do distrito sanitario do Salnés asinaron na mañá deste mércores un compromiso de xestión medio ambiental, que supón a implantación e o cumprimento dun novo protocolo chamado Servizo Verde. Esta iniciativa pretende promover dentro da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés unha cultura da sustentabilidade na organización e da participación dos profesionais, con especial atención aos servizos asistenciais.

En coincidencia coa celebración este mércores, 5 de xuño, do Día Mundial do Medio Ambiente, o salón de actos do Hospital Público do Salnés acolleu a firma deste procedemento por parte dos responsables dos seguintes servizos e unidades: Análises Cínicas, Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Dermatoloxía, Dixestivo, Hospitalización a Domicilio (HADO), Medicina Interna, Medicina Preventiva, Otorrinolaringoloxía, Pediatría, Traumatoloxía, Urxencias e Xinecoloxía.

Cara a implantación da ISO 14001 no Salnés

A directora do distrito do Salnés, Encarnación Lucas, é a impulsora deste compromiso de mellora medio ambiental no centro asistencial de Ande-Rubiáns, o cal pretende ser o inicio do camiño cara a implantación da acreditación ISO 14001:2015 de Xestión Ambiental no hospital arousán. Neste sentido, cabe lembrar que os outros dous hospitais da Área Sanitaria -Provincial e Montecelo-, contan xa con esa certificación dende o ano 2009 tanto na actividade asistencial como na non asistencial.

Metodoloxía para identificar aspectos ambientais

O protocolo Servizo Verde é unha iniciativa da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para facer partícipes de xeito voluntario aos distintos servizos no Sistema de Xestión Integrado de Calidade e Ambiental (SICA), que aporta unha metodoloxía para identificar aspectos ambientais que poden provocar cambios na contorna. E mesmo se os servizos están fóra do alcance do SICA, se promoverán accións de xestión ambiental.

Baseado nun sistema de niveis de cumprimento e a dotación dun logro alcanzado, o Servizo Verde avaliará accións como a segregación das distintas clases de residuos -papel, cartón e pilas; fluorescentes, tóner ou similares; ou medicamentos de refugallo ou caducados-, e a redución de consumos de enerxía eléctrica, combustible e auga

Entre os obxectivos do procedemento cómpre salientar minimizar os riscos para os profesionais derivados do tratamento de residuos e o almacenamento de produtos perigosos, mellorar a seguridade dos pacientes evitando potenciais efectos adversos no manexo de sustancias perigosas no servizo, ou mellorar a saúde pública en xeral ao contribuír o Servizo Verde ao non prexudicar o medio ambiente onde vive a cidadanía que acude ao servizo.