Os máis pequenos disfrutarán do festival 'Arousa Inspira' este sábado

Representantes de Arousa Moza, presentando a edición do ano pasado. DAVID FREIRE
Esta iniciativa levada a cabo por Arousa Moza é un evento para mostrar o patrimonio de Vilagarcía aos máis pequenos e o talento de artistas emerxentes e locais

Un ano máis a Asociación Arousa Moza de Vilagarcía de Arousa celebra o xa recoñecido festival de talento local Arousa Inspira, un evento que nace no 2018 para mostrar o patrimonio de Arousa aos máis pequenos e o talento de artistas emerxentes. Este ano o festival celébrase o próximo sábado día 7 de setembro e, dende Arousa Moza, declaran que máis que nunca "necesitamos facer grandes esforzos para continuar levando adiante esta importante iniciativa cultural pois a falta das subvencións Iniciativa Xove da Xunta tivémola que suplir con creatividade, o importante apoio do Concello e máis a colaboración desinteresada de todos os artistas convidados". Así, recoñecen estar moi orgullosos do programa de actividades que presentan:

Pola mañá a xornada iniciarase ás 11.00 horas diante do Espazo Xove de Vilagarcía. De aí partirán cunha xincana para nenos de todas as idades, que percorreran a cidade facendo probas e coñecendo o patrimonio de Vilagarcía de Arousa. 

Pola tarde será ás 17.30 horas cando voltarán a ter actividades como o clásico Concurso de Concursos para os máis novos e tamén para maiores, e unha gran diversidade de actuacións musicais, contando cos artistas Andaruê Capoeir-Mestrando Camugerê, Eddy,  G Face, Joel Padín, North.adt, Nydia e Solitaires.