Vilagarcía inicia as obras de ampliación das redes de servizo no Camiño da Regueira

O goberno local inviste nesta actuación 74.896 euros que se financia a través do plan Máis Provincia
Fachada do Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.
photo_camera Fachada do Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.

A empresa Covsa iniciou hai uns días as obras promovidas polo Concello de Vilagarcía para ampliar a rede de servizos básicos a un novo tramo do Camiño da Regueira, a carreira que une a rúa Fontecarmoa coa zona da Lomba Alta. O proxecto promovido pola Concellería de Servizos e Medio Rural ten como obxectivo estender as infraestruturas das redes municipais de abastecemento de auga potable e de saneamento ás vivendas máis afastadas e de nova construción nesta zona do rural vilagarcián. A administración local inviste nesta actuación 74.896 euros a financiar a través do plan Máis Provincia.

Os traballos consisten na instalación dun colector principal da rede de saneamento e os seus correspondentes ramais, pozos e arquetas para acometidas. De igual xeito, instalarase a rede de abastecemento de auga potable e as arquetas de acometida nos límites das propiedades. A actuación, que ten un prazo de execución de dous meses, completarase coa pavimentación dos 220 metros de lonxitude do tramo do camiño afectado polas obras cunha capa de rodadura de seis centímetros de espesor.

A mellora do saneamento e a ampliación dos servizos básicos ás novas zonas do rural nas que se van construíndo vivendas, especialmente nos lugares máis afastados ou complicados debido a súa orografía, é unha das prioridades do goberno de Alberto Varela. Dende o Concello aseguran que ao cabo do ano realízanse varias actuacións desta índole, tratando de atender tanto "vellas demandas como as novas necesidades que van xurdindo polo crecemento urbanístico ou polo desgaste das redes".