Vilagarcía contrata a restauración da pérgola da Xunqueira e o parque de Dona Concha

Fachada do Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.

O Concello inviste 18.402 euros nestas dúas actuacións, sendo a da Xunqueira adxudicada 

á empresa Lignum Urbe

Vilagarcía vai realizar dúas novas actuacións de mellora e mantemento dos parques infantís do municipio, onde investirá 18.402 euros. Trátase da zona de xogos dos xardins de Dona Concha, en Vilaxoán, e da restauración da pérgola de madeira da zona de recreo da Xunqueira.

Respecto a esta última, dende o Concello de Vilagarcía demandan á Xunta de Galicia que repoña "dunha vez" a zona de xogos levantada para facer as obras de saneamento, unha actuación que, aseguran desde o ente local, tiñan anunaciado para o mes de xuño e que segue sen executarse, "en pleno verán e en época de vacación escolares, cando máis a demandan os cativos", declaran dende o Goberno local. 

En canto á restauración da pérgola que dá sombra entre dúas zonas infantís da Xunqueira, o Concello adxudicou os traballos á firma Lignum Urbe por un importe de 14.578 euros. O proxecto conta cun prazo de execución dun mes. A actuación contratouse despois de que o servizo municipal de Xardíns de Vilagarcía detectase un importante deterioro das táboas de madeira da cuberta, e tamén dunha das vigas da estrutura, como consecuencia do paso do tempo e das abundantes precipitacións que foron afectando á madeira.

Para resolver esta situación e evitar calquera risco, xa que é unha zona moi transitada e utilizada polo público infantil e os adultos que os acompañan á zona de xogos, retiraranse os taboleiros deteriorados e a viga en mal estado e subtituiranse por materiais novos, con contrachapado carroceiro de exteriores e parafusos inox.

Tamén se saneará o resto da estrutura mediante lixado e rasurado das vigas e, por último, selaranse todas as xuntas de unión. A actuación realizarase de forma inmediata e cun prazo de execución dun mes, tempo no que o Goberno local espera que tamén a Xunta volva a acondicionar a zona de xogos situada á beira do río para que o parque infantil ao completo poida ser utilizado tanto polos vilagarciáns como polos numerosos visitantes que recibe a vila durante os meses de verán.

As obras de saneamento da Xunqueira xa remataron

O executivo lembra que as obras de instalación da rede de saneamento no tramo da Xunqueira remataron xa hai un par de meses e, apuntan, "o parque segue sen montarse". Ademais de ofrecer unha "pésima imaxe para a cidade", a zona está totalmente inutilizada posto que a estrutura xunto a algúns dos elementos de xogo están amontoados e valados, e a superficie do chan rematada en bruto con cemento.

Por todo, o Concello de Vilagarcía espera que a Administración autonómica impulse "canto antes" a instalación dun novo pavimento de caucho, repoña os xogos infantís e instale o peche perimetral de madeira que protexe aos cativos de saír da zona e ir cara ao río.

En canto ao Parque de Dona Concha, o Concello acometerá tamén nos próximos días o acondicionamento da zona infantil. Os traballos serán realizados pola mesma empresa e consistirán na retirada das zonas de caucho que se atopan endurecidas e en mal estado, e na súa substitución por material novo para amortiguar as caídas, especialmente na contorna dos elementos de xogo. O resto do pavimento someterase a unha actuación de lavado e posta a punto e, por último, repararase o valado perimetral con lamas de madeira tratada e pintadas a colores.