Vilagarcía forma en primeiros auxilios ao persoal municipal
O persoal do Concello de Vilagarcía comezará a recibir formación en primeiros auxilios e uso de desfibriladores. Os técnicos do Servizo Municipal de Emerxencias serán os encargados de impartir as sesións que combinan contidos teóricos con prácticos co obxecto de que os traballadores e as traballadoras adquiran os coñecementos básicos para actuar ante unha situación de urxencia que poida producirse nas dependencias municipais e saiban asistir a unha persoa en parada cardíaca ou respiratoria ata o momento da chegada dos servizos médicos.
O plan formativo comeza o este luns coa sesión que recibirá o profesorado do Conservatorio Municipal e o martes será a quenda do equipo docente da Escola Municipal de Música. O programa estenderase a todos os servizos municipais, continuando a semana que vén co plantel da Biblioteca e, de seguido co do das prazas de abastos e a Fundación Municipal de Deportes.
Para impartir as clases, o persoal de Emerxencias servirase de audiovisuais explicativos na parte teórica, e cos manequíns médicos e os equipos DESA similares aos que existentes nas instalacións municipais, para a realización de prácticas.
Dado que dunha atención axeitada nos primeiros minutos pode depender a vida dunha persoa que sufra unha parada respiratoria ou cardíaca, a formación en primeiros auxilios ofrecerase tamén á poboación en xeral, con sesións e demostracións a pé de rúa nas que poderán participar todas as persoas que o desexen. Este luns á tarde, entre as 16.00 e as 19.00 horas, Emerxencias realizará unha destas sesións na Praza da II República, e nas seguintes semanas do mes haberá actividades similares nas prazas de Vilaxoán, Carril e no centro de Vilagarcía.