Martín Códax presenta aos 57 finalistas nos Premios da Música 2024

A bodega cambadesa acolleu a festa na que se deron a coñecer os proxectos seleccionados polo xurado profesional ►A gala dos premios, dirixida por Xurxo Souto, celébrase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra
Foto de familia da festa dos finalistas da 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Foto de familia dos finalistas dos Premios Martín Códax da Música. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As Bodegas Martín Códax acolleron este mércores 24 de abril en Cambados a festa de finalistas dos 11º Premios Martín Códax da Música.

En total, presentáronse este ano 433 propostas, das que 30 foron lucenses (16, de Lugo capital, e o resto, da provincia). A categoría onde máis medrou o número de inscritos foi a de Música Electrónica, que sumou este ano 27 proxectos presentados.

Na cita deste mércores nas Bodegas Martín Códax foron nomeándose as 45 bandas e artistas –3 por categoría– que pasan á recta final tras a votación do xurado profesional.

O novo conselleiro de Cultura, José López, durante a presentación dos finalistas dos premios Martín Códax, este mércores en Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O novo conselleiro de Cultura, José López, este mércores durante a presentación dos finalistas dos galardóns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

No decurso da festa, foron desvelados ademais os 9 proxectos finalistas nos tres premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas seleccionados na categoría máis noviña dos premios, a de Artista Emerxente, instaurada en 2022 e na que este ano son finalistas Leria, Mondra e Gloria Pavía.

Ata o 12 de maio, os socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como gran novidade desta edición, tamén o público xeral. De feito, este xoves comeza o periodo da votación popular, que permitirá decidir quen serán os gañadores de cada unha das categorías.

 

A votación farase a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal. O público pode votar a través dun sistema de puntos, terá que facelo nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva. No reconto final de votos, o 50 por cento corresponderá á votación do público e o outro 50, aos votos dos socios de Músicas ao Vivo.

A gala desta edición dos premios Martín Códax celebrarase o 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a dirección de Xurxo Souto, o profesor e tamén exlíder dos Diplomáticos.

Os seleccionados para os premios Mártin Códax nas 19 categorías


Blues, funk e soul Brais Morán & Nasaufunk, O Cadelo Lunático, Martins Aneiros Band.


Folk Caamaño & Ameixeiras, Susana Seivane, De Ninghures.


Mestizaxe Catuxa Salom, Raposa, Woyza & The Galician Messengers.


Autor Antía Muíño, Guadi Galego, A Pedreira.


Músicas urbanas Ash Diz, Hydn, C Miranzo.


Orquestras América de Vigo, Burgas Big Band, Orquesta Charlestón.


Metal e heavy Youcanthide, Her Anxiety, Rymer.


Bandas Agrupación Musical de Goián, Banda de Silleda, Unión de Guláns.


Tradicional Malvela, Mediarea, Os Melidaos.


Infantil A Gramola Gominola, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas.


Clásica e contemporánea Fabio Álvarez, Carme López, Juan Eiras.


Electrónica Mondra, Lontreira, Grande Amore.


Jazz Orquestra Galega de Liberación, Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero, Diego Alonso.


Rock e punk Moloch, Terbutalina, Mad Martin Trío.


Pop e indie The Rapants, Lucía Aldao, Mai.


Organistrum Miudiño Sessions, O TikTok de Rodri Míguez, Revista Rebelico (Comunicación e Difusión), Galegote, EmigraSON, As Nosas Músicas de Couso (Festivais) e Mardi Gras, A Pousada da Galiza Imaxinaria, A Arca da Noe (Salas).


Finalistas Artista Emerxente: Leria, Mondra, Gloria Pavía.