Os Premios Martín Códax recoñecen a Guadi Galego, Mondra e Terbutalina

Os proxectos de Caamaño & Ameixeiras e Lucía Aldao triunfan nunha edición na que se falou de Altri e Palestina, e se reivindicou a contratación de artistas galegos en Galicia

 Antía Ameixeiras, de Caamaño & Ameixeiras. RAFA FARIÑA
photo_camera Antía Ameixeiras, de Caamaño & Ameixeiras. RAFA FARIÑA

Coa interpretación do tema Ti que me levas, por parte de Xurxo Souto e da orquestra bravú Xangai deu comezo este mércores, no Pazo da Cultura de Pontevedra, a 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, que convoca anualmente Músicas ao Vivo, que este ano aproveitou para reivindicar a cultura de proximidade e a contratación de artistas galegos en Galicia. Souto aproveitou as súas intervencións para festexar a diversidade da música galega, repasar a súa historia e renderlle a homenaxe a pontevedreses como Diosiño ata ao mestre Moldes.

Guadi Galego durante a súa intervención nos XI Premios Martín Códax. RAFA FARIÑA
Guadi Galego durante a súa intervención nos XI Premios Martín Códax. RAFA FARIÑA

O reparto de galardóns comezou pola categoría de metal, na que gañou a banda viguesa Her Anxiety. Seguíronlle os premios para Guadi Galego, que recolleu o seu galardón no apartado de canción de autor cun pano palestino ao pescozo e rematou a súa intervención cun "Palestina vencerá e Altri non"; para Brais Morán & Nasaufunk, no apartado de blues, funk e soul; e para Mondra, no de electrónico, por un proxecto que levantou xunto ao pontevedrés Berto. 

Tras a entrega do primeiro bloque de recoñecementos subiu ao escenario Inés Naya para ofrecer a primeira actuación da noite. Tamén cantaron Ugia Pedreira, MJ Pérez e Sofía Espiñeira. 

Rafa Quintía

Na categoría de folk, o Martín Códax foi para o dúo Caamaño & Ameixeiras, que lembraron que o seu último traballo naceu a partir dunha investigación de ritos populares galegos onde foron guiadas polo antropólogo Rafael Quintía; na de Música Tradicional, Os Melidaos; na de mestizaxe, Catuxa Salom, artista de orixe arxentina, nacida en Vilagarcía de Arousa e afincada na provincia de Lugo; e na de bandas de música, a Agrupación Musical de Goián, que reivindicou o papel das bandas en Galicia: "non sei se estaremos tan ben consideradas como deberiamos".

Mondra recibindo o seu premio Martín Códax. RAFA FARIÑA
Mondra recibindo o seu premio Martín Códax. RAFA FARIÑA

Antes dos premios especiais e do premio honorífico, que este ano foi para o compostelán Emilio Cao, entregáronse os últimos galardóns da noite. 
A banda de Esteiro (Muros, A Coruña) Terbutalina (na que milita o pontevedrés Diego de la Iglesia) foi recoñecida na categoria de rock polo seu disco Era cabra. Fixeron seu o berro de guerra que Xurxo Souto lanzara ao comezo da velada: "Medre o talnto!". A artista coruñesa hydn, que xa sorprendera hai dous anos aos eurofans coa súa proposta en galenglish, recolleu o galardón de músicas urbanas. "Vai sendo hora de quitar a precariedade da industria", reivindicou.

Uxía Lambona

América de Vigo gañou no apartado de orquestras e Carme López, no de música clásica contemporánea. En jazz foi recoñecido o proxecto de Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero e en pop e indie, o da poeta e compositora da Coruña Lucía Aldao. A última categoría artística da noite foi a de música infantil, na que gañou Uxía Lambona e a Banda Molona.

Xa na parte final da gala, que se puido seguir na súa totalidade pola páxina web dos galardóns e pola plataforma da CRTVG, as autoridades políticas foron as encargadas de entregar os recoñecementos especiais. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, deron os Premios Organistrum a proxectos de comunicación, este ano a Miudiño Sessions; a festivais, para As Nosas Músicas de Couso (da Estrada), e a salas, para A Arca da Noe (de Vilar de Santos, en Ourense). 

O galardón a Artista Emerxente, categoría especial establecida en 2022, foi para Gloria Pavía, artista nacida en Santiago de Compostela en 1999, que gravou o pasado ano o seu primeiro EP titulado Novas flores. Ademais de cantante e compositora, Gloria Pavía tamén se dedica á ilustración.