A Gimnástica toma Sanxenxo

A XXIV Milla Urbana Vila de Sanxenxo celebrouse con éxito. RAFA FARIÑA
Pablo Ulla en categoría masculina e Sabela Martínez na feminina foron os máis rápidos da XXIV edición da Milla de Sanxenxo que se celebrou no Paseo de Silgar

Pablo Ulla Couñago e Sabela Martínez Peón brillaron na XXIV edición da Milla Urbana Vila de Sanxenxo que se celebrou o pasado domingo no Paseo de Silgar. O redondelán e a portonovesa déronlle un dobrete á Sociedad Gimnástica ao seren os máis rápidos en cubrir os 1,609 quilómetros que transcorreron á beira da praia da vila mariñeira.

Ulla fixo un rexistro de 4:33, que lle deu o triunfo na categoría júnior con moita claridade. O segundo mellor tempo masculino total correspondeu a Amadeo Abal, a 14 segundos de Ulla e que lle permitiu facerse coa vitoria na categoría de afeccionados.

A proba contou con participación de atletas internacionais e coa presenza de veteráns históricos, como o tetracampión do medio maratón de Pontevedra Manuel Hurtado, que se impuxo na categoría de veteráns A e fixo o quinto mellor rexistro de tódolos inscritos.

Na categoría feminina, a internacional xuvenil Sabela Martínez Peón foi a máis veloz. Completou o percorrido en 5:10. Foi 14 segundos máis rápida que a poiense Carolina Santos Villalón, gañadora de afeccionados.

Celebración do pasado domingo da XXIV MIlla Urbana Vila de Sanxenxo. RAFA FARIÑA

Hugo Dopazo e Lucía Taboada foron os primeiros nas competicións cadetes.

A participación elevouse ata os 307 atletas dos arredor 350 inscritos. Deles, 138 cubriron a distancia longa, facendo parte dos afeccionados, veteráns, júniors e cadetes. Aproveitaron para tomar parte deportistas doutras modalidades así como persoas da sociedade e a cultura da comarca. 

Os nenos tamén correron

Ademais celebráronse probas en categorías de base. Na infantil, o rapaz máis rápido foi Carlos Riveiro Oubiña, sobre unha distancia de 800 metros que percorreu nuns notables 2:40. Entre as rapazas, a mellor foi Daniela Bayón, que selou un rexistro de 2:53.

Entre os alevíns, os máis veloces foron Alejandro Tuya e Candela Alonso.

Os 400 metros da proba benxamín foron para Álvaro López Osorio, que percorreu a distancia en 1:54. Por detrás del chegou Carla Caneda, a mellor rapaza.

En prebenxamíns, destacaron Luca Ramos entre os nenos e Inés Tuya entre as nenas.

Os máis pequenos tamén participaron na Milla Urbana Vila de Sanxenxo. RAFA FARIÑA

A carreira levouse a cabo o pasado domingo á mañá cunhas boas condicións meteorolóxicas. Temperaturas lixeiramente por enriba dos 20 graos e tempo despexado, circunstancias moi boas para a disputa dunha proba popular de medio fondo como unha milla.

O evento contou coa colaboración do equipo de + Xuventude de Sanxenxo nunha organización que correu a cargo da Concellería de Deportes, Voluntariado e Mocidade e tivo arredor de 35 voluntarios. O lugar de saída mudouse pola Rúa Porto. Os afeccionados pudieron gozar coas evolucións dos deportistas ao longo dun percorrido situado estratexicamente para favorecer a súa presenza. A carreira tivo carácter benéfico, xa que parte da recadación foi destinada á Asociación Neen@s Sanxenxo.