A Confraría de Carril convoca o concurso de fotografía Ameixa de Carril
A Confraría Santiago Apóstol do Carril convoca o primeiro concurso de fotografía Ameixa do Carril, aberto a profesionais e afeccionados e coa intención de poñer en valor e difundir a beleza do entorno natural e a vida diaria do pobo do Carril arredor deste bivalvo de fama internacional. O límite máximo de presentar os orixinais é o día 5 de agosto, ás 23.59 horas. É importante saber que non se aceptaran aqueles que xa participaron noutros concursos ou xa foran publicados.
Segundo as bases, haberá tres premios: o primeiro, de 200 euros e unha caixa de conservas de Los Peperetes. O segundo, de 100 euros e unha caixa de produtos da mesma conserveira; e o terceiro, outro lote de Los Peperetes. Os gañadores daranse a coñecer coincidindo coa 39 edición da Festa da Ameixa, prevista para o domingo 11 de agosto.
O xurado encargado de seleccionar as obras gañadoras estará formado por varios fotógrafos, unha persoa do ámbito cultural e outras relacionadas coa Confraría de Pescadores Santiago Apóstol.
Poderán presentarse un máximo de dúas fotografías en cor ou branco e negro, cunha resolución mínima de 300 ppp, e en formato jpg. Deberán enviarse ao correo concursoameixacarril@gmail.com