A Confraría de Carril convoca o concurso de fotografía Ameixa de Carril

O límite máximo para presentar as fotografías é o 5 de agosto e os gañadores daranse a coñecer na Festa da Ameixa
Foto de archivo dunha das últimas edicións da Festa da Ameixa de Carril. DS
photo_camera Foto de archivo dunha das últimas edicións da Festa da Ameixa de Carril. DS

A Confraría Santiago Apóstol do Carril  convoca o primeiro concurso de fotografía Ameixa do Carril, aberto a profesionais e afeccionados e coa intención de poñer en valor e difundir a beleza do entorno natural e a vida diaria do pobo do Carril arredor deste bivalvo de fama internacional. O límite máximo de presentar os orixinais é o día 5 de agosto, ás 23.59 horas. É importante saber que non se aceptaran aqueles que xa participaron noutros concursos ou xa foran publicados.

Segundo as bases, haberá tres premios: o primeiro, de 200 euros e unha caixa de conservas de Los Peperetes. O segundo, de 100 euros e unha caixa de produtos da mesma conserveira; e o terceiro, outro lote de Los Peperetes. Os gañadores daranse a coñecer coincidindo coa 39 edición da Festa da Ameixa, prevista para o domingo 11 de agosto.



O xurado encargado de seleccionar as obras gañadoras estará formado por varios fotógrafos, unha persoa do ámbito cultural e outras relacionadas coa Confraría de Pescadores Santiago Apóstol.

Poderán presentarse un máximo de dúas fotografías en cor ou branco e negro, cunha resolución mínima de 300 ppp, e en formato jpg. Deberán enviarse ao correo [email protected]. O asunto do correo será "Concurso Ameixa de Carril" e no corpo se indicará o nome completo do participante, idade, correo electrónico e teléfono. As fotografías non poderán levar ningunha marca de auga, símbolo ou logo que permita identificar á persoa autora.