A Praza de Abastos estreará taquillas intelixentes antes de fin de ano

Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os clientes poderán recoller os seus pedidos fora do horario comercial e coa garantía de que os produtos manteranse en perfecto estado de conservación

A Praza de Abastos de Vilagarcía estreará antes de que finalice o ano o novo servizo de taquillas intelixentes refrixeradas destinadas a facilitar as compras á clientela do mercado público. A Xunta de Goberno Local adxudicou o subministro e instalación dos equipos á empresa Vofadone España SAU por importe de 46.101,12 euros (IVE incluído). Ademais de rebaixar o prezo de licitación en 14.398,88 euros, a oferta inclúe como melloras o incremento de 3 anos adicionais aos períodos de garantía e de soporte. A adxudicataria dispón do prazo de 2 meses para adxudicar a obra.

A instalación das taquillas intelixentes é unha iniciativa que pon en marcha a Concellería de Promoción Económica para continuar modernizando e mellorando a Praza de Abastos. A acción finánciase con fondos Next Generation concedidos ao programa Vilagarcía Viva no marco do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dentro da liña de proxectos de mellora, revitalización e resiliencia de mercados tradicionais e zonas comerciais urbanas.

Descarbonización e economía circular

O novo equipamento ten como finalidade mellorar a experiencia de compra do cliente e evitar desprazamentos innecesarios co obxectivo de reducir as emisións de CO2, seguindo as políticas europeas que buscan a sustentabilidade e promoven a economía circular. Ademais, as taquillas implementarán os servizos do mercado público e contribuirán a dinamizalo e a potenciar a súa actividade, xa que o sistema previsto facilitará a recollida flexible dos pedidos fora do horario comercial e, dado que terán sistema de refrixeración, garantindo a frescura e a óptima condición dos produtos.

Para que isto sexa así, o equipamento a instalar estará fabricado integramente en aceiro e formado por 15 taquillas individuais, 10 das cales contarán con sistema de refrixeración (graduable de 2 a 8 grados centígrados) e 5 serán neutras, a temperatura ambiente. Todos os compartimentos deberán contar con pantalla táctil, lector QR e teclado para introducir códigos de forma manual. Os casilleiros deben ser estancos, estar perfectamente illados, ter sistema anti condensación e ser de baixo consumo. O sistema será robusto, antivandálico e apto para resistir ao aire libre.

O contrato inclúe o subministro, instalación, hardward, softward, posta en marcha e soporte do sistema modular das taquillas.