Vilagarcía adxudica o vehículo para o reparto a domicilio das prazas de abastos

A firma Baygar gañou o concurso cunha oferta por valor de 43.318 euros
Alberto Varela e Álvaro Carou durante unha visita á reformada plaza de abastos de Vilaxoán, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela e Álvaro Carou durante unha visita á reformada plaza de abastos de Vilaxoán, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía segue avanzando nas súas medidas para a modernización e impulso das prazas de abastos municipais, agora coa adxudicación do vehículo eléctrico que se utilizará para poñer en marcha o sistema de reparto a domicilio. O subministro da furgoneta 100% eléctrica correrá a cargo da empresa Baygar, por ser a súa a oferta que acadou a puntuación máis alta no concurso. O contrato asin arase por importe de 43.318 euros (IVE incluído), 5.082 euros por debaixo do prezo de licitación.

O Concello financia a compra do vehículo cos fondos europeos Next Generation concedidos ao programa Vilagarcía Viva a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia e, en concreto, no marco da liña destinada a proxecto de mellora, revitalización e resiliencia dos mercados tradicionais e zonas comerciais urbanas.

A posta en marcha do servizo de reparto a domicilio aos clientes do mercado público é unha iniciativa da Concellería de promoción Económica que dirixe Álvaro Carou. Trátase dunha nova acción para modernizar e mellorar a competitividade do mercado tradicional vilagarcián que, ademais, se rexe por criterios de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente. Por iso o vehículo é 100% eléctrico, para continuar avanzando nunha sociedade descarbonizada, e se utilizará para prestar un servizo de "última milla", é dicir, para entregas a curta distancia, favorecendo así o desenvolvemento dunha economía circular que, ademais de ser moito máis sostible, xera riqueza na propia zona. A maiores, o novo servizo permitirá achegar os produtos da Praza de Abastos aos clientes-consumidores, que disporán de máis facilidades para adquirir nela e, en consecuencia, incrementarán as súas ventas.

Ademais do subministro da furgoneta, o contrato inclúe o mantemento integral do vehículo durante o período mínimo de garantía de tres anos, incluídas as revisións coa periodicidade que estableza o fabricante. Ademais, o adxudicatario deberá entregar o vehículo matriculado a nome do Concello, con toda a documentación en regra e perfectamente rotulado conforme se especifique polo Concello.

No marco destas mesmas accións de modernización e mellora da eficiencia enerxética da Praza de Abastos, tanto o mercado de Vilagarcía como o de Vilaxoán contan xa con estacións de carga para vehículos eléctricos, equipamentos que tamén se financiaron os fondos Nex Generation correspondentes ao proxecto Vilagarcía Viva.