Vilagarcía estima sobre 130.000 asistentes nos actos das Festas de San Roque

O 16 de agosto foi o día máis multitudinario, cunhas 45.000 persoas, debido á Festa da Auga
Alberto Varela e Sonia Outón durante a rolda de prensa. DS
photo_camera Alberto Varela e Sonia Outón durante a rolda de prensa. DS

O Concello de Vilagarcía de Arousa estimou o pasado luns que 130.000 persoas asistiron aos actos das Festas de San Roque que se celebraron o recén rematado mes de agosto, dende o 14 ata o 25 deste mes. 

Na rolda prensa celebrada, o alcalde, Alberto Varela, xunto coa concelleira de Cultura, Sonia Outón, deron estes datos estimados. Ademais, tanto o Concello, como os comerciantes, hostaleiros e autónomos coinciden en salientar que as rúas estiveron cheas de xente os 12 días de festa, tanto polo día como pola noite. 

O 16 de agosto, o día de San Roque e o día da Festa da Auga, foi o día con maior afluencia, cun cálculo aproximado de 45.000 participantes, xa que esta festa é das máis multitudinarias. 

En canto aos concertos e as actuacións musicais que houbo durante as noites de San Roque, reuníronse unhas 40.000 persoas e os espectáculos do Festaclown sumaron uns 15.000 asistentes. 

Dende o Concello declaran que este mesmo número (15.000 participantes) se repite no fin de festa no que converxeron o Desfile de Carrozas e o Combate Naval. 

Así, o goberno local de Vilagarcía de Arousa, cualifica as celebración dun éxito para a cidade, tanto polo bo clima rexistrado como polo retorno económico xerado.