A redeira portonovesa Sara Bea será distinguida coa Raia de Ouro 2024

Recollerá o vindeiro día 28 a súa Raia de Ouro nunha ceremonia
A redeira Sara Bea Martínez. DS
photo_camera A redeira Sara Bea Martínez. DS

A Raia de Ouro 2024, a distinción que cada ano concede o Concello de Sanxenxo a unha veciña, veciño ou entidade pola súa traxectoria, xa ten dona. Trátase da redeira portonovesa Sara Bea Martínez, que adicou máis de 60 anos da súa vida a atar redes e aparellos de pesca, nunha profesión que a foi envolvendo e atrapando dende nena, ata convertila en todo un referente no sector.

"Empecei con nove anos, pero ao principio non me gustaba nada. A miña curmá dicíanme: Ti vas a ser atadora cando eu sexa cura", lembra a homenaxeada. E, dende ese momento ata hoxe, polas súas mans pasaron miles de redes de barcos de Portonovo, tanto de artes menores como de cerco, que grazas á súa habilidade puideron saír ao mar. "Podo presumir de que ningún barco co que traballabamos tivo que quedar en terra nunca por non ter o aparello reparado. Unha vez ata nos coincidiron cinco barcos, traballamos duro e ao día seguinte sairon ao mar", sinala. 

A súa paixón polas redes fixo que pospuxera ata os 70 anos a xubilación e, aínda que xa pasaron dous anos, segue botando de menos "atar e o ambiente coas compañeiras no porto", asegura, rememorando unha rutina que cargada de traballo pero que, sen embargo, desenvolvía con entrega, cariño e profesionalidade. 

Tal e como conta, cadrar un pano con outro non sempre resultaba sinxelo. "Moitas noites dáballe voltas na cama tentando cadrar as telas cando a avaría era complicada, pero ao final sempre cadraba. É como un quebracabezas", explica.

Por todos estes motivos, Sara Bea recollerá o vindeiro día 28 a súa Raia de Ouro nunha ceremonia na que estará acompañará do seu marido, Mario, co que neste mes de xullo fará as vodas de ouro, así coma dos seus fillos, Elena e Mario. "O meu marido sempre entendeu o meu traballo. Ás veces tiña que marcha dunha hora para outra ao País Vasco e el quedaba ao cargo dos fillos e da casa. Nunca me puxo un problema", asegurou.

O seu foi un oficio que cambiou moito co paso do tempo, e sobre o que Sara explica que "antes era moito máis duro porque se ataba á intemperie. Non tiñamos nin baño e pasabamos moito frío, pero coa nave mellorou moito a situación. Recordo ata marearme polo frío que collía nas mans, pero era unha satisfacción cando arranxabas o aparello e o barco podía saír ao mar", di. Agora, recoñece con certa preocupación que a profesión"«estase perdendo e xa hai poucas persoas que queiran ser atadoras ou redeiras. Non sei o que vai pasar cos barcos", expresou, coa vista posta no futuro daquilo que foi a súa vida enteira.