A Xunta inviste máis de 2,5 millóns de euros nos cursos de accións formativas para desempregados impartidos na comarca do Salnés

O delegado territorial visitou o curso de Habilitación para a docencia que se está a levar a cabo nas instalacións de Kaeme Consultoría e Prevención S.L.
Visita a Kaeme Consultoría e Prevención. DS
photo_camera Visita a Kaeme Consultoría e Prevención. DS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Kaeme Consultoría e Prevención S.L, unha das 45 empresas que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na área territorial de Pontevedra.

O delegado puido conversar co alumnado do curso de Habilitación para a docencia, que lle transmitiu o seu entusiasmo e satisfacción coa formación que están a recibir. Kaeme Consultoría e Prevención S.L. impartirá ata nove cursos AFD para os cales conta cun financiamento de máis de 340.000 euros. En concreto a formación visitada por Agustín Reguera comezou a principios do mes de agosto e rematará no mes de abril do ano 2025 e conta cun orzamento de máis de 42.000 euros.

Cabe destacar que na área territorial de Pontevedra están aceptadas un total de 228 accións formativas, das cales 60 teñen lugar nos concellos da comarca do Salnés. Estes cursos contan cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, dos case 10 millóns de euros que a Xunta investirá no total da área territorial de Pontevedra.

O delegado mostrouse moi satisfeito cos resultados que están a obter estes cursos e coa alta taxa de empregabilidade do seu alumnado e destacou a importancia de “ofrecer aos galegos e galegas oportunidades de desenvolvemento e crecemento profesional para que, entre todos, consigamos unha Galicia máis produtiva, máis moderna e máis próspera”.

No referente á comarca

O concello de Vilagarcía de Arousa é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de 28 cursos distintos e un orzamento de máis de 1,2 millóns de euros. Pola súa banda, Sanxenxo conta con 16 accións formativas. En Cambados impartiranse nove cursos, mentres que o concello de Vilanova de Arousa contará con cinco AFD. Por último, na Illa de Arousa impartiranse dous cursos AFD a mans do Centro de Formación Salvora.