O PP de Cambados esixe ao Concello as obras de mellora e mantemento dos colexios públicos

A voceira municipal, Sabela Fole, mantivo un encontro coas Anpas e as comunidades educativas e lamentou que “só recibiran promesas vagas do cuatripartito e os centros sigan abandonados á súa sorte” 
Fachada Concello de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada Concello de Cambados. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixirlle ao Concello que comece de inmediato coas obras de mellora e mantemento dos colexios públicos, que son da súa competencia e que están sen iniciar a só quince días do inicio das clases, previstas para o 11 de setembro, por segundo curso consecutivo. “O ano pasado o concelleiro de Educación, Liso González, ata pedíu desculpas públicas porque o Concello non cumpríu cos colexios, que estaban en malas condicións no arranque do curso lectivo, e achacouno ás disfuncionalidades propias do cuatripartito que se acababa de perpetrar. Daquela non compartimos as súas excusas, pero aínda así démoslle un voto de confianza que se ve totalmente quebrado porque este ano todo segue lamentablemente igual”, detallou a voceira municipal, Sabela Fole.

A concelleira popular vén de manter un encontro cos representantes das Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpas) e das comunidades educativas, que lle trasladaron a súa preocupación pola inacción nos traballos de conservación e mantemento, polo que Fole lamentou que “só recibiran promesas vagas e os centros sigan abandonados á súa sorte, así que vémonos na obriga de demandarlle unha actuación áxil e inminente ao cuatripartito”.


A edil do PP revelou que o Concello tiña un convenio coa empresa Bata para realizar estas tarefas nos colexios con periodicidade mensual e as mesmas complementábanse cos traballos do persoal municipal cada seis semanas e admitíu que este formato “funcionaba bastante ben, pero desmontouse por completo e os centros quedaron sen nada cando o edil de Obras, José Ramón Abal, sacoulle a todo este persoal asinado á Concellería de Educación e o destinou ao seu departamento para seguir tapando fochancas”. “Liso González queda completamente desautorizado e demostra o seu nulo peso político neste cuatripartito, xa que o único que fai é chorar para ver se Abal lle dá dous pesos e pode facer algunha mínima actuación, polo que as súas desculpas ante a presumible problemática deste ano non van ser nin cribles nin entendibles polos veciños”, significou. “Só hai promesas incumpridas e boas palabras para uns feitos que non van ser realidade, porque os colexios están nunhas condicións moi lonxanas das necesidades dos alumnos e dos obxectivos que lles trasladaron ás Anpas. En todo caso, e por desgraza, isto non nos estraña, xa que esta situación está en consonancia co desastre no que teñen sumido ao pobo de Cambados”, concluíu Sabela Fole.