Pontón propón unha Lei do Viño e contratos homologados par dar estabilidade ao sector

Nunha visita á vendima de Bodegas Martín Códax, critica que os populares permaneza de brazos cruzados sen aportar nin unha soa medida para impulsar a viticultura
Visita de Ana Pontón a Bodegas Martín Códax en Cambados. BNG
photo_camera Visita de Ana Pontón a Bodegas Martín Códax en Cambados. BNG

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, adiantou que dende o seu partido van presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para impulsar o sector vitivinícola, entre elas a elaboración dunha lei específica, a recuperación das mesas do viño ou os contratos homologados para aportar estabilidade aos colleiteiros e mellores prezos pola uva. 

Pontón visitou na mañá deste venres as instalacións de Bodegas Martín Códax e asistiu aos traballos de vendima nun dos viñedos desta adega, unha visita que aproveitou para analizar a situación do sector que, no caso das Rías Baixas, atravesa un gran momento pola gran demanda dos seus caldos dentro e fora de Galiza. 

A portavoz nacional lamentou, sen embargo, que esa non é a realidade en todas as denominacións, en particular daquelas nas que a comercialización está centrada nos viños tintos, cunha tendencia á baixa no mercado que está causando excedentes con dúas graves consecuencias, os problemas na recollida da uva e os prezos baixos.

Fronte a esta situación, que segundo apuntou “era previsible porque é unha tendencia persistente dende hai anos”, o Goberno do PP non adoptou nin unha soa medida e fixo, explica, “o que mellor se lle da: cruzarse de brazos e mirar para outro lado en lugar de anticiparse e aportar solucións man a man co sector”, criticou. 

Pontón debullou a continuación algunhas das propostas do BNG a favor dun dos sectores máis importantes do País que, ademais de xerar riqueza en emprego, permite coidar o territorio, fixar poboación e revitalizar o rural, destacou. Entre outras iniciativas, adiantou que “ante a incapacidade do PP”, o BNG presentará nos próximos meses a súa proposta para unha Lei do Viño de Galiza, que debería entrar en vigor no prazo dun ano.

Recuperar as mesas do viño, tanto as de cada denominación como unha xeral, figura tamén na proposta do goberno alternativo do BNG para o sector. Trataríase, explicou a portavoz nacional, de establecer un mecanismo de interlocución e programación con sector.

Pontón defendeu así mesmo o establecemento de contratos homologados “que aporten estabilidade, con garantía de recollida e prezo, incluíndo mecanismos de pago adiantado da uva”. Considerou, ademais, que é necesario desenvolver unha política vitivinícola a medio e longo prazo, apostando pola calidade e pola defensa dun modelo vitivinícoloa centrado no territorio. 

“Este é un sector estratéxico para o País, que hai que potenciar e apoiar. En primeiro lugar por toda a riqueza económica que xera, pero tamén pola protección do territorio e polas oportunidades que se crean ao seu redor”, concluíu a líder do BNG.